12 de marzo de 2007

ABRE A TÚA PORTA

Ábrelle a porta á ledicia que mora pechada nos celeiros interiores,
péchalle a entrada ás insidias gobernadas por linguas difamadoras,
franquéalle o cancelo á persoa desprezada na ruleta das mentiras,
fréalle o paso ao caruncho das envexas que esfolan as madeiras da dignidade;
abre a trapela onde gardas colleitas de agarimos de pan branco,
ponlle o ferrollo aos xuízos temerarios, ás cobizas e ás insanias;
ábrelle a porta á luz que dá cor á túa cara de cereixa
e pásalle o tarabelo á noite que te some nos nubeiros da mourenza.
Ábrelle a porta ao que te chama e te reclama,
péchalla á malicia que corroe os corazóns e as almas.
Abre a túa porta exenta de ferrollos que te esmagan.

Porta e pecho nun caseto da aldea de Gurgueiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario