28 de marzo de 2007

A CHOCOLATEIRA

Decididamente hoxe teño unha mala experiencia con Internet, xusto no día en que este blog bate marca de visitas (máis de 200 nun só día. ¡Nunca tal pensara!). Levo pelexando case dúas horas co ordenador e coa liña para conseguir editar dúas entradas. Moito traballo e pouco proveito. Pero con este número de visitas sinto case coma unha obriga contarvos algo cada día.
Foto en branco e negro do álbum de Adolfo de Meixide. Xosé Meixide Blanco empezara o transporte de viaxeiros cun Ford de 8 prazas en 1924 e posteriormente fundou a primeira empresa de autobuses que houbo en Agolada coa compra dun Dodge Carnero de 27 prazas. Adolfo continuou aquela incipiente empresa ata formar unha numerosa flota. De todos os autobuses da empresa, creo que é este da foto o único que tivo nome propio: A CHOCOLATEIRA (un Dennis de fabricación inglesa). O nome non é nada orixinal. Facilmente se entende que nos seus últimos percorridos o motor emitise un ruído semellante ao da chocolateira fervendo chocolate. Creo que foron os alumnos do transporte escolar, que daquela acudían apiñados nos autobuses (¡había nenos, moitos!) quen bautizaron este vehículo.
Conviviu este autobús co Diamond de cor verde, comprado en 1954. Foi un acontecemento cando Pepe (Miguélez) chegara con el a Agolada, sen carrozar. Logo, cando posteriormente veu carrozado, Adolfo levounos aos nenos e a algúns adultos ata o campo da Saleta, en Trabancas, para estrealo. Viñeron excursións, feiras, festas e o autobús comezou a protagonizar unha parte das nosas vidas.
Todos gardamos recordos entrañables del. Non tiñamos outros coches.

1 comentario: