15 de marzo de 2007

A INSUA DOS CABALOS

De todos os recantos que andei por terras de Agolada e limítrofes hai un que captou a miña atención dun xeito especial. Foi unha sorpresa maiúscula pois cheguei alí sen ter coñecemento previo dela. Percorrendo as beiras do Arnego dei cunha insua extensa, chá, salvaxe, fermosa. Sorprende atopar unha insua tan grande nun río adolescente aínda. Mide aproximadamente 200 x 70 m. E sorprende a súa riqueza natural, a auga envolvéndo os sentidos de frescura e de fragor.
Á insua chameille dos Cabalos pola proximidade á Ponte dos Cabalos (xa falei dela neste blog), a parroquia da marxe esquerda: Parada (Lalín), na banda dereita: Gurgueiro (Agolada). A insua está comunicada coa ribeira de Lalín cunha pontella de pedra.
A foto foi obtida desde un outeiro de Parada. Nela vese o río partíndose en dous no lugar onde a brancura da escuma anuncia unha tosta. Esa é a cabeceira da insua. Hai unha tosta na cabeceira e outra no final da insua. Foron construídas para levar auga a un muíño e máis aos prados da ribeira.
Lugar de excepción salvado in extremis da febre das minicentrais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario