20 de marzo de 2007

O NOVO RECINTO DA FEIRA

Douscentos dezanove anos ininterrumpidos de feiras certifican a solidez do mercado que cada día 12 se celebra en Agolada. Houbo un intento temporal para celebrar a feira o día 24. Non tivo éxito. Pero o 12 consolidouse como unha data ineludible no calendario feiral para vendedores, tratantes e labregos.
Segue a ter unha concorrencia reseñable anque nos últimos anos obsérvase unha incipiente decadencia. Ata hai pouco competía e superaba á lonxa de gando de Silleda en becerros de abasto. Carne de calidade.
Chegou a hora de acender as alertas para procurar a revitalización deste mercado sen o cal Agolada esmorecería definitivamente. Teremos que idear (colectivos, concello e a sociedade en xeral) novos atractivos, novas fórmulas para que esta feira siga a atraer a público diverso. É esta unha idea que xa expuxen en diferentes ámbitos sen que de momento observe ningunha inciativa tendente a buscar remedios. Agardar pasivamente non é intelixente.
É certo que os tempos cambian e as cousas tamén, pero cando arrecia o temporal é cando se deben procurar as roupas impermeables e os paraugas.





Ningún comentario:

Publicar un comentario