22 de marzo de 2007

PREMIOS ESQUÍO NOS PENDELLOS

(O 18 de febreiro de 2007, Ferando Bores acode a Agolada para reunirse cos Amigos dos Pendellos e artellar o evento do 21 de abril: Vodas de Prata dos Premios Esquío de Poesía)
A asociación Amigos dos Pendellos comprácese en anunciar un acto cultural de excepción no propio recinto dos Pendellos o vindeiro 21 de abril. Un regalo para Agolada.
A Sociedade de Cultura Valle-Inclán de Ferrol, presidida por D. Fernando Bores Gamundi, celebrará as Vodas de Prata dos Premios Esquío de Poesía en Agolada, respondendo á invitación-suxestión que Vázquez Pintor lles fixera nun artigo titulado Espazos para as palabras, publicado no suplemento dominical do Diario de Ferrol o día 3 de decembro de 2006.

...espir a fermosura dos poemas nesta pasarela, corredor, solaina, pedra agradecida, para que o mundo saiba, achegue, sinta canda nós o ritmo, ese boureo das palabras interiores, aquí pronuncia e alá memoria. Sobre a pedra queremos nominar esta contorna para nos convocar á Poesía, sobremaneira as novas voces, editas e inéditas; e tamén aos contacontos: unha bufarda de vento do surés contra as néboas...
A Sociedade de Cultura Valle-Inclán, fornecedora desta certeza dos 26 anos de historia dos Premios Esquío, que coordina Fernando Bores, ten agora a oportunidade de nos dar estoutra ledicia, que coidamos oportuna: facermos ese recital fóra das normas convencionais, distinto, interrelacionado coa música e a imaxe, aló para cando sexa a publicación da "antoloxía do vintecinco aniversario" mailos libros recoñecidos na convocatoria deste ano, aquí no eirado da Terra, Campo das Mámoas, "augalevada" equidistante aos catro ventos de Galiza, onde moran as pedras dos petroglifos, dos túmulos, dos castros, do románico... E no cerne da vila o patrimonio dunha arquitectura de feira antiga, tal era vital: ruelas, mostradores, parafitas, madeira, pedra e arxila. Que será cando se afirmen e medren nelas o Amor, o Orgullo, o Compromiso, a Música e a Palabra? "Ánimo, compañeiros/toda a terra é dos homes..." (Rosalía). Sempre. (X. Vázquez Pintor)

Amigos dos Pendellos actuará de anfitrión, ofrecendo o recinto dos Pendellos e toda a infraestrutura necesaria para a celebración do evento. Axudaremos na coordenación e desenrolo das diferentes actividades ao longo do día.
O acto é aberto a todos. O xantar no restaurante Agolada, previa reserva. Informaremos máis adiante.
Gracias, Fernando; Gracias, Pintor. Agolada, unha viliña pequena, moito tempo ignorada, volve á consideración das xentes outra vez máis.

1 comentario: