30 de marzo de 2007

SEXO OU SEIXO

Estades vendo ben. O indicador da foto recolle o topónimo dunha parroquia agoladense. ¿Como lelo? Non é nada estraño que a moitos lles sirva de broma. Aquí pronunciámos o X de O Sexo como son prepalatal fricativo xordo (coma en eixe, xente, xoguete...)
Eu négome a aceptalo por moito que a comisión de toponimia da Xunta de Galicia o teña recollido e que na oralidade da zona todos o digan sen i.
Creo que no seu momento debeu de ser O Seixo e que pola profunda castelanización oral e documental rematou sendo El Sejo. Cando se quixo recuperar a forma galega o máis fácil foi cambiar o artigo EL por O e o J por X. E así o temos.
O topónimo Seixo é común a moitos lugares de Galicia, indica presenza ou abundancia de pedra de cuarzo (seixo), ten algo de lóxica. ¿Pero Sexo? Algún día escribireilles aos da Comisión de Toponimia para que se expliquen neste caso e no de Friúce (que eles teñen recollido) en lugar de Friufe (que é o que usamos aquí).
Teño unha débeda pendente neste blog polas poucas entradas que lles levo dedicado ás parroquias de Baíña, O Seixo, Agra, Brocos, Sesto e Val de Sangorza. Espero pagarlles pronto.

1 comentario:

  1. Curioso sexa real ou non.
    En Arbo hai un lugar que se escribe Godón pero hai gheada na zona e a pronuncia ten a súa gracia.

    ResponderEliminar