7 de abril de 2007

A ALDEA DO MONTE (VENTOSA)

É a aldea situada a maior altitude das que hai no concello, concretamente acada no punto máis elevado os 697 metros. Está protexida e amparada polo norte pola mole granítica do Farelo (954 m.) e polo leste polo Coto Caldeiro. As fontes que abrollan nesta aldea dan orixe a distintos regos que nutren o rego da Xara. Son a Fonte Barreira, o rego de Fontecova, o rego do Prado Novo e o rego das Candás.
O topónimo é suficientemente indicativo da proximidade ao monte (o Farelo), alonxada dos outros núcleos de poboación. Laxe, Cristimil e Casardixo son os máis próximos e distan uns tres quilómetros. A aldea está rodeada de monte por todas partes e as terras de labor e os prados son un oasis nesta paraxe. É unha poboación que curiosamente acusa menos que as circundantes o éxodo rural. Mantén o encanto das aldeas da media montaña e a arquitectura popular, con importantes eivas, ten a prestancia da pedra e a funcionalidade rural.
Na foto observamos a aldea vista desde o Currodeguas, na cima do Farelo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario