18 de abril de 2007

BEIRAS DO ARNEGO

Auga de lúa clara
baixo a Ponte dos Cabalos
trae no seo unha insua,
inmenso barco varado.
O río sente devezos
beiras do Arnego.

A auga é unha canción,
solfexo mollado en Peizás,
pentagrama de aturuxos
en clave de sol, a-la-lás.
O río dá un concerto
beiras do Arnego.

Clamores de Vilariño
sobre a ponte do medievo
pregan a auga bendita
que non quer chover o ceo.
O río garda un segredo
beiras do Arnego.

Houbo cabalos funámbulos
sobre a viga de carballo
na noite dos meteoros,
foi milagre ben soado.
O río baixaba cheo
beiras do Arnego.

É un vieiro de serpe,
suco escavado no val,
ten no Bico da Valouta
proa de nave de mar.
O río debuxa un rouceo
beiras do Arnego.
Salaios en San Sadurniño
lembran o vello convento,
bágoas no Porto do Frade,
qué foi del é un misterio.
O río é un lamento
beiras do Arnego.

Trilara o velaugarrido
no curuto do ameneiro,
un asubío de eufonías
subira polo regueiro.
Cantaron paxaros ledos
beiras do Arnego.

En Carmoega das sobreiras
o río escoita galego,
na Canuda, nas Aceas,
no Batán, no Pozo Negro.
É o falar dos que nacemos
beiras do Arnego.

Houbo muíños, que muíños!
da maquía e de parceiros,
de Navaza, da Devesa,
vellos muíños albeiros.
A auga sabe a centeo
beiras do Arnego.

Baixo o lombo das pontes
anda o río a paso lento,
escoltado de sanguiños
na Pontevella dos érbedos.
O río ten arrecendo
beiras do Arnego.

Busca Brántega e Toiriz,
A Balsiña queda preto,
o paraíso da Frisca,
o bosque fragoso de Sesto.
O río soña sonetos
beiras do Arnego.

O río xa non é río
na gran tosta encorado,
semella un mar de cristal
sobre Brocos pousado.
O río tornouse espello
beiras do Arnego.


Manuel Busto Galego, abril de 2007

1 comentario: