5 de abril de 2007

CASTRO DE GALEGOS (EIDIÁN)

Na mañá do día de hoxe a bicicleta levoume polas ribeiras agoladenses do Ulla. Quixo a fortuna que o camiño me conducise ao castro de Galegos, pois non o tiña previsto. Xa estivera nel hai dous anos e as matogueiras de toxos e xestas impedíranme o acceso ao eirado castrexo. Hoxe dei co camiño adecuado e quedei marabillado do fermoso recinto, do seu excelente estado de conservación e do impresionante foxo que o rodea. Sen dúbida, trátase da mellor fortificación castrexa que hai no concello, anque non goce das dimensións do de Borraxeiros ou das extensas panorámicas do Marcelín.
Coincide que mañá temos unha presentación multimedia sobre a cultura castrexa en Agolada e as fotos que tomei completan de maneira singular un traballo de meses.
Na foto superior vemos a croa e a eira do castro e na inferior o foxo e a cara externa da muralla térrea.
Trátase dun dos castros mellor conservados dos 17 que hai no concello. Sería merecente dunha actuación que o rescatase do esquecemento e das matogueiras que o rodean. É un castro situado nun outeiro a media pendente, situado a cincocentos metros da aldea de Galegos, na parroquia de Eidián. Souben del polo amigo Manolo Ferro, xerente de ExpoDeza, quen está moi interesado en valorizar o xacemento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario