15 de abril de 2007

PENDELLO DE LICERIO

Esta é outra foto antolóxica dos Pendellos, ese recinto máxico onde a feira era unha festa de palabras e mercadorías. Paraíso de feirantes e de pillos, escaparate de pedra, zoco e medina por excelencia.
Os pendellos desta imaxe están case todos no chan pero son facilmente restaurables se se aunan vontades. Hai vilas e cidades que organizan feiras medievais para engardirlles un atractivo ás urbes e pobos. Agolada non ten que imitar as feiras medievais, abóndalle con recuperar os pendellos e celebrar aquí o mercado, cos produtos do campo, ecolóxicos ou non, artesanía e mesmo cabería celebrar algún mercado ocasional de antigüidades ou un "rastrillo" con obxectos de segunda man.
Chámolle pendello de Licerio porque era o propietario da casa e do pendello da esquerda, hoxe pertence á súa filla. O longo mostrador e as columnas cudrangulares biseladas en chafrán distinguíano do resto. Cómpre recordar que o promotor dos Pendellos e do traslado da feira fora D. Ramón Barrio de Losada. E precisamente Licerio era descendente por liña directa de D. Ramón, que en segundas nupcias casara en As Trabancas e fundara a actual casa de Licerio.
Na recente compra de corenta e pico pendellos pola Deputación de Pontevedra este pendello quedou excluído por considerar que se trata dunha vivenda. Volvo a propoñer aquí a quen corresponda que faga as xestións oportunas para a compra desta propiedade, sen a cal a tarefa de restauración quedaría diminuída.
(Foto do arquivo Bernabé, 1970)

Ningún comentario:

Publicar un comentario