12 de xullo de 2007

O CRUCEIRO PROCESIONAL DAS VIRTUDES

Cando a Capela das Virtudes estivo ubicada á beira do río Ferreiroa celebrábase unha romaría anual en honra á Virxe das Virtudes. Da capela saía a Virxe en procesión, cruzaba a ponte de madeira sobre o río e subía o camiño ata encontrar coa corredoira que comunicaba Ferreiroa con Bidueiros. Alí na encrucillada dos camiños estaba o cruceiro da imaxe e a procesión daba a volta rodeando o cruceiro.
O lugar onde se ubicaba é exactamente o calveiro do monte que se ve na foto de abaixo, ollando cara o Farelo. Este lugar foi obxecto de concentración parcelaria e como resultas diso o cruceiro quedou dentro dunha finca particular. O novo propietario da chousa trasladou o cruceiro ao saído da súa casa na espera de que a parroquia decida a súa ubicación final.
É un cruceiro bastante semellante ao que hai na entrada da aldea de A Costa. Ten a particularidade dunhas pequenas volutas rematando os catro vértices de cada brazo. E ten unha historia fermosa de santuario e encrucillada.



Ningún comentario:

Publicar un comentario