2 de agosto de 2007

CASA PACEGA DE OUTEIRO DE RAMIL


Moitos pazos co devalo dos séculos e a caída dos foros e outros trabucos deviron en casas labregas con maior ou menor fortuna. Iso conlevou a diminución das rendas e a posibilidade de manter a fachenda dos edificios que erguían a súa nobreza e fidalguía entre a humildade das casas labregas que os rodeaban.
A casa que nos ocupa nesta entrada podería ser un expoñente do expresado anteriormente. Ubícase no lugar de Outeiro, parroquia de Ramil. Dos elementos da primitiva fábrica destacan por riba dos demais os tres brasóns que campean en muros e entrada.
No lintel da porta de entrada da casa aparece o escudo da esquerda. Aparece dividido en dous cuarteis rodeados dunha cadea pechada. Nel figuran a roda de Santa Catarina e as tres lises dos Varela. Á beira presenta unha árbore.
Este brasón aparece no ángulo suroeste da casa. Presenta a cadea, as varas verticais e as lises dos Varela; os escaques dos Ulloa. No cuartel do xefe sinistro, o dito apelido coas tres varas en pao e o león rampante.

Portalón de acceso ao recinto que rodea a casa. Á dereita del o terceiro escudo. Hai algúns elementos engadidos con pouca fortuna.
Neste brasón, que aparece cuartelado presenta as varas verticais dos Varela, un león rampante sobre dúas varas. Todo rodeado pola cadea dos Varela, que gañaran na batalla da Navas de Tolosa.
Na beira do escudo ten uns ramallos cuns paxaros e unha árbore. Arriba ten a base da armadura e parece que lle falta o helmo.
A casa na actualidade pertence a Paco do Ferraduras.

Os debuxos dos brasóns son da autoría do amigo e colega Xosé Manuel Broz Rei, director do Museo Terra de Melide e foron publicados no seu libro Santispíritus de Melide.

Ningún comentario:

Publicar un comentario