3 de agosto de 2007

CASTRO EN ARTOÑO?

Desde hai varios meses veño visitando e estudando dun xeito básico os castros da contorna. Visitei todos os que están catalogados e incluso me permitín aventurar a existencia dos castros de Ferreiroa e de Baíña. Hoxe o motivo da foto é outro posible castro nin estudado, nin catalogado, en Artoño detrás dos lugares de Ascontra e Cartas, practicamente nas inmediacións do campo da festa do San Ramón. O outeiro, a 486 m de altitude, vese no centro da foto, reúne moitas características propias dos castros: elevación sobre o terreo circundante, visibilidade ampla do arredor, intercomunicación visual con outros castros (Buxel, Marcelín, Borraxeiros, Baíña, Val...), distancia razonable aos castros máis próximos, explicaría o xerme das parroquias de Artoño e Berredo, terras de cultivo nas inmediacións, cercanía de cursos de auga...
Confeso que só me fixei na orografía da zona e que non me adentrei no lugar, bastante cuberto de vexetación, para albiscar a posible existencia de murallas ou foxos.
Sorpréndeme que de haber un castro non estivese catalogado, pero tamén me sorprende que na época castrexa os nosos antepasados non tivesen escollido este curuto tan apropiado para establecer alí unha aldea fortificada.

1 comentario: