25 de agosto de 2007

CUARTEL DA GARDA CIVIL, FEIRA DAS VACAS E FARELO

Nesta imaxe escaneada desde unha diapositiva (1980) de Fidel Torreiro Sarandeses vemos o desaparecido Cuartel da Garda Civil, en primeiro plano o antigo campo da feira das vacas e de fondo o Farelo, ese perfil de dinosauro deitado que emerxe polo leste de Agolada.
Se fixésemos hoxe unha foto desde o mesmo lugar a imaxe resultaría ben diferente. No canto do campo das vacas hai un parque, no solar do Cuartel empeza a asomar o formigón da planta baixa do futuro auditorio e no perfil do Farelo están cravadas tres cruces no monte do olvido.
O motivo desta foto era o Cuartel e a presenza da Garda Civil. Foi no 1961 cando se inaugurou, despois do traslado desde a Guillerma (Borraxeiros). Eu era un neno, estaba no parvulario. Chegou unha nena que falaba moi distinto a nós. A mestra preguntoulle de onde era. "De Antequera (Málaga). Mi padre es Guardia Civil" "¿Te gusta el cuartel nuevo?" "Sí, porque este tiene cocina de leña y el otro no". Foi a primeira vez que me decatei da existencia da Garda Civil. Cos anos, os gardas eran uns veciños máis, o Piñeiro, o Viñas, o Raposo (apelido), Celestino...
En 1978 o Ministerio do Interior iniciou unha reforma na Garda Civil que supoñía a desparición de varios cuarteis pequenos, entre os que figuraba o de Agolada. Os veciños de Agolada fixemos algunha manifestación opoñéndonos. Tiñamos pouca idea e menos información. Os políticos de entón tampouco sabemos que se molestasen moito. O malestar quedábase nas tabernas detrás do vaso de viño ou do quinto de cervexa. Houbo quen (os menos) manifestou alegría por que se fosen. Ao final todos puidemos comprobar a sabiduría do refrán "decatámonos do que temos cando o perdemos". Agolada perdía oito familias de gardas civís que virían a sumarse ao despoboamento que se iniciou por eses anos. E por riba perdía un servizo e unha garantía de seguridade coa presenza física dos gardas e do cuartel.

Ningún comentario:

Publicar un comentario