16 de agosto de 2007

MANIFESTACIÓN EN LOÑO (VILA DE CRUCES)

Xa non lembro se foi en 1976 ou 1977. Fora no verán. Varios amigos de Agolada sumámonos á impresionante manisfestación que se organizou en Loño (Vila de Cruces) para reivindicar unha ponte entre Loño e Beigondo (Santiso). A demanda era ante Fenosa, propietaria do encoro de Portodemouros, quen no ano 1963 deixou incomunicadas as parroquias dos concellos de Vila de Cruces e Agolada coas parroquias de Santiso (Ribadulla, Visantoña e Beigondo).
Acudira moita xente. Organizárase una festa-mitin. Alí estaba Miro Casabella, Faíscas do Xiabre (este grupo de gaiteiros uniríase a Antón Seoane e Rodrigo Romaní para formar un dos grandes conxuntos do folk galego: Milladoiro) e outros que non lembro.
Estabamos a estrear democracia e a facer uso dos dereitos que durante tantos anos nos foran negados. A ponte aínda non se conseguiu. No seu lugar hai un transbordador que foi reformado hai pouco e con el vanse amañando. Un remendo para unha xusta reivindicación.
A foto é da miña autoría, feita cunha sinxela Werlisa que foi a miña primeira cámara.

2 comentarios:

  1. Naqueles tempos, fenosa, era o lobo feroz de Galicia, e creo que ainda o sigue sendo.

    ResponderEliminar
  2. Daquelas aínda chegaban as novas de boca a boca a Dorvisou. Escoitaba falar da paixón do cura de Loño ao enfrentarse aos xigantes de Fenosa para defender os intereses dos lugareños e coido que rematou por irse, non sei se obrigado ou por vontade propia.
    Graciñas por todo.Pouco a pouco imos voltando.
    Saúde e terra, Manoliño.

    ResponderEliminar