20 de agosto de 2007

NOITE DAS CANDEAS

O próximo sábado 25 de Agosto celebraremos a 3ª edición da Noite das Candeas. Foi unha idea que nos aportou Alfonso García Cumplido (Toto) e á que pouco a pouco lle fomos dando forma. O obxectivo que persegue a Asociación Amigos dos Pendellos con esta celebración é congregar á xente de Agolada no entorno dos Pendellos para seguir xerando afectos a este espazo que ten un grande potencial etnográfico, cultural, lúdico, turístico, museístico, hostaleiro e sobre todo feiral.
Na noite das Candeas reúnense as familias e as pandillas para cear nos mostradores dos Pendellos. Cadaquén aporta as viandas, manteis e algúns asentos. A única iluminación son as candeas e os candís. Durante e despois da cea organízase unha velada na que se contan anécdotas, contos e hai intervencións musicais.
O ano pasado actuaron Celso Fernández Sanmartín, Palitos Band e a charanga dos pequenos da Banda. Tamén tivemos un karaoke a disposición do público. Houbo algunhas intervencións simpáticas.
Na presente edición, seguindo suxestións dos veciños e amigos, prescindiremos do karaoke e as intervencións serán totalmente espontáneas, tanto as musicais coma os contos, chistes e anécdotas.
No final da noite a Asociación sempre invita a unha queimada.
O único prezo que se pide é a colaboración dos veciños para facer unha limpeza rigorosa dos pendellos na tarde anterior.
As dúas edicións pasadas foron un completo éxito, este ano agardamos outro tanto.
As imaxes que ilustran esta entrada foron tomadas durante a celebración da II Noite das Candeas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario