15 de agosto de 2007

OCTETO EN PERFECTA FORMACIÓN

Dá gusto ver o ben que se colocaba a xente para se facer unha foto. Oito amigos, metade homes, metade mulleres. As mulleres de pé, lixeiramente inclinadas, coas mans adiantadas no ademán de tocar os ombreiros dos catro amigos, sentados, coas mans deixadas cara adiante. Todos mirando fixamente á cámara, as mulleres cun leve sorriso; os homes, un chisquiño máis serios. Perfecta aliñación e emparellamento efímero, ninguén deles eran noivos.
Arriba de esquerda a dereita: Cris Lamazares, Raquel Vidal, Clarita Vilariño, ¿?; abaixo: José Ramón Negro, José Luís Vázquez (falecido), Benito Negro e Carlos Vázquez.
Acompaño esta entrada cun saúdo afectuoso para Xosé Ramón, quen nos olla desde a Embaixada Española en Sofía (Bulgaria) e coa lembranza de Xosé Luís de Caldeireiro, veciño e amigo de quen recordo a súa bondade e apostura e a espera alegre de cando retornaba nas vacacións desde o convento de Herbón.
A imaxe é do álbum de Raquel Vidal. Coa publicación destas fotos pretendo dar satisfacción aos moitos agoladenses que seguen con cariño a andadura do AQUAM LATAM e buscan verse nesta serie de fotos que recollen a memoria da infancia e xuventude de moitos de nós. Tamén busco congregar aos amigos e veciños que andamos repartidos polo mundo e levamos a patria da infancia arrecantada no faiado das lembranzas.
Para os demais, non agoladenses, quizais non teña tanto interese. Espero que saiban admitir as miñas desculpas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario