24 de outubro de 2007

FELICES ANOS 60

Os da foto eran mozos cando eu era aínda un neno. Foi nos anos 60. Daquelas Agolada era unha aldea que quería semellarse ás pequenas vilas, cando menos tiña unha rúa asfaltada: a estrada nacional 640, que a cruza de Leste a Oeste. Era a capital do concello, tiña xuíz de paz, rexistro civil, un médico, un veterinario, unha farmacia, tres mestres e un crego, varios bares, unha droguería, unha ferraxería, dúas carnicerías, tres tendas de ultramarinos, tres arrieiros, unha panadería, un estanco, un bazar, un cine, unha sala de festas, un campo para xogar ao fútbol (a metade da supercie era unha laxe, a outra metade, terra), unha academia, unha oficina de correos e un carteiro, un muíño con varias moas movidas con electricidade, dous aserradoiros de madeira, un taller mecánico, un taller de bicicletas, unha carpintería metálica, dúas carpinterías de madeira, un zoqueiro, tres zapateiros, dous ferreiros, un barbeiro, unha perruqueira, tres xastrerías, dúas mercerías, varias costureiras, unha calcetadora, dous camioneiros, dous taxis, un autobús de servizo discrecional, unha carreta tirada por un cabalo para recoller o leite polas parroquias, dúas empresas de autobuses de liña, con servizos regulares a Lugo, Pontevedra, Vigo, A Coruña, Ourense, Carballiño e Brántega. Tiña moitas cousas como podedes observar, e seguro que me esquezo doutras tantas. Pero sobre todo, Agolada tiña xente, moita xente e un día grande cada mes: o día 12 coa súa enorme FEIRA.
Os mozos da foto estaban ledos porque naqueles anos había moita alegría e outra tanta necesidade (non entendades fame obrigadamente), estaban alegres porque eran novos, disfrutaban da amizade, da camaradería, dos noivados, da xuventude, da feira (o día da foto era feira). Se entón se podía vivir tan ben nunha pequena vila, por que agora non?, que fixemos para ter cambiado tanto?
O lugar da foto era o prado do Fraga e ao fondo un dos autobuses que acudían á feira.

5 comentarios:

  1. Mira que escribes ben, pero a enumeración do que tiña Agolada nos anos 60 paréceme cimeira na estética do cotián. Noraboa

    ResponderEliminar
  2. un médico, un veterinario, unha farmacia, tres mestres e un crego, varios bares...

    Amigo Manueliño, non te das contas que varios nos pode levar a confusión. Non te das conta que as tabernas son como o BARómetro da felicidade :-)

    ResponderEliminar
  3. e moita emigración...
    e algunhas parellas da Garda civil
    ollo coa nostalxia...
    pode conducir a paraisos "artificiais"

    alguhna memoria...
    que selectiva é

    ResponderEliminar