19 de novembro de 2007

MELLOR CUN SORRISO

Cando espertou á luz da mañá e a brisa lle trouxo a dimensión dos problemas cotiáns, encheu os pulmóns co alento do amencer e acometeu a xornada cun amplo sorriso; porque sabía que aquela simple e maxestuosa expresión facial era a luz que despexaría a brétema das dificultades.
Cando sentiu o peso e a fatiga do duro traballo, tan digno e necesario, e a suor percorrendo os sucos da súa frente; acuñou nas meixelas un sorriso delicado, porque sabía que dela agromarían a enerxía e a seiva que necesitaba.
Cando sufriu as dores e os disgustos, a enfermidade e a inxustiza, a persecución dos viláns, puido continuar a súa loita arrincando un feble sorriso da caverna da alma; porque aprendeu que só a esperanza e a ilusión o conducirían á liberación ansiada.
Cando viviu duras etapas e invernos glaciais puido afrontalos dignamente coa franqueza dun sorriso amigo tan amplo coma os mares; porque sabía que as penalidades doen menos se o optimismo nos embarga.
Cando tivo que enfrontarse ás desgrazas inevitables soubo mitigar a dor e o desacougo cun sorriso usurpado ao ánimo arrecantado; porque desexaba manter acesa a lapa da vida proclamada, consciente de que o poder dun sorriso é eficaz como a auga, que con doce suavidade erosiona a rocha amarga.
Cando proseguiu o seu camiño rutineiro e irrelevante polos carreiros intranscendentes das angueiras diarias, mantivo o orgullo e o sorriso consciente e voluntario; porque, sen dúbida, cría na alegría das xornadas, no espírito optimista e nas ideas cándidas.
Cando se detivo, berrou ao vento da tarde para comunicar a beleza da vida cun sorriso nos labios e deixou voluntariamente a verdade na gaiola aprisionada. Quen sabe se ao liberala o sorriso se apagara.
(Para os que toman a vida demasiado a peito, vítimas dos seus propios escrúpulos e rancores).
Fotografía de Ton von Vliet.

6 comentarios:

  1. Leo as túas palabras unha e outra vez, Busto, e de cada vez creo que lle atopo forzas novas para tirar.
    Ben bonitas.
    Grazas por regalárnolas.
    Unha aperta

    ResponderEliminar
  2. Efectivamente son moi bonitas, espero que o lean esas vitimas do seu propio rencor, e se acaso fose eu, desde logo que me facerán recapacitar. Vaia desde aquí a miña sonrisa.

    ResponderEliminar
  3. Con sorrisos e bo humor lévase millor a vida, tes razón.

    ResponderEliminar
  4. Un sorriso a tempo pode arranxar moitas cousas.
    Fermosas verbas.

    ResponderEliminar
  5. Yo soy de las que se toman demasiado en serio la vida. Periodos enteros me cuesta sonreir (hacia adentro) aunque sonría hacia afuera. Es de agradecer este texto que transmite optimismo y tan lleno de poesía.

    ResponderEliminar