20 de decembro de 2007

FONTE DA FEIRANOVA

Á hora de falar das fontes cómpre distinguir os mananciais das construcións que erguemos para facilitar o acceso á auga nun punto máis ou menos distante do lugar de onde abrolla o manantío. Hoxe voume ocupar dunha que corresponde ao segundo tipo, é a fonte que está situada no medio da praza da Feiranova en Brántega, na que fora antiga campa da feira do 26.
Agolada, concello rural no recanto nordeste de Pontevedra, forma con Dozón e Rodeiro o trío de municipios máis deprimidos (ou menos desenrolados, como se prefira) da provincia. Sendo como é, en nada estraña que non posúa fontes nin grandes, nin artísticas. Posúe iso si algunhas certamente curiosas e que gozan do afecto que espertan as lembranzas dunha infancia ou mocidade bebendo dos seus pichos.
A escaseza de auga, que na actualidade empeza a ser unha ameaza posible, confírelle ás fontes unha dimensión nova e unha importancia que xa tiñan pero da que eramos pouco conscientes. Ver unha fonte, como a da foto, deitando auga límpida a catro canos, verquendo sobre o cristal do vaso é unha estampa que reflicte a riqueza natural que existe ao noso carón, merecente de maior atención e coidados.
A construción desta fonte é recente e veu a subsituír a outra anterior que era lavadeiro e abeberadeiro do gando e cuxa construción tipo caseta era unha mole que afeaba o campo e cegaba unha completa visión da praza.
Algún día alguén publicará un libro que verse sobre as construcións que nos serven de fontes. Quizais non figure ningunha de Agolada. Para lles facer xustiza e en defecto dese libro vou poñendo aquí un apunte por se no futuro, oxalá que non, alguén lamentase a súa desaparición ou ver os seus canos secos.
Dedícolle esta entrada a Zeltia, blogueira que me visita con frecuencia desde A Coruña, atendendo unha petición súa para que contase algo das fontes, das que gusta especialmente.

1 comentario:

  1. Moitas grazas, Busto, por ensinar unha fonte da Golada, a da praza da Feiranova, xa che dixen por ahí nalgún lado, que cando vaia a Golada vaime parecer que xa estiven alí, e beberei do picho da fonte, que espero que non seque nunca, ou por o menos que nós non o vexamos.
    Eu persoalmente decantome por as fontes humildes, e aínda son preferidas as que verten directamente do manantial agochado no ventre da terra. Esas teñen como moito, unha pedra cunha fenda no medio, e cando no vran deita pouco, alguén lle pon unha folla para que deite o chorriño cara algun lado e non se deslice por a pedra abaixo, directamente á pia.
    Gustoume moito a dedicatoria!!!

    ResponderEliminar