26 de decembro de 2007

MOZOS DIANTE DA SALA DE FESTAS

Ao botar a vista atrás, unha simple reflexión sobre a importancia que representou para Agolada a Sala de Festas El Moderno, fainos lamentar a súa desparición hai xa bastantes anos. A vida desta Sala foi relativamente efémera. Comezara en 1965 con Carromao (Xosé Sánchez Pallares) e ao pouco tempo vendeulla a Salvio Varela. Este salón de baile funcionaría ata mediados os anos 80. Foi sala de baile os días de feira, festivos destacados e varios domingos máis do ano. Estreouna a orquestra Caracas de Lalín e a Nova Galicia tivo aquí innumerables actuacións. Pasaron outras orquestras, perdoade que non as cite todas porque tampouco as lembro. Tamén era salón de banquetes e cafetería-bar.
Lembro o disgusto que causou en instancias eclesiais da zona a súa inauguración. Representaba pouco menos que unha catapulta ao Averno. Mirado desde a actualidade sérveme para comprobar outra vez máis a relatividade da vida.
O declive deste espazo de lecer coincide co inicio do devalo demográfico de Agolada, coa mellora das vías de comunicación e os medios de transporte e coa aparición das discotecas ou outras salas de baile mellor acondicionadas nas vilas dos arredores.
Ollado coa perspectiva dos anos decátome de que a existencia desta sala dotaba de vida e de algarabía esta vila insignificante, as rúas e os bares respiraban acugulados o bulicio da mocedade. Ir e vir de coches, dos autobuses do Torres de Brántega, do Suárez de Arcediago, do Meixide...
¡Como se bota hoxe de menos aquela festa de xentes!
Na foto aparecen amigos meus, mozos de finais dos anos 70, un día festivo calquera, seguramente con baile, que empezaba á tardiña e remataba entre a unha e as dúas da madrugada. Subidos na ventá: Manix (do que hai trece anos que choramos a súa ausencia) e Ramiro; abaixo: Carlos de Cabanelas, Tucho, José Ramón, Julio, Nando, Pepiño Meixide, Gonzalo do Trabancas e Román do Eiras.
(Foto do álbum de Tucho do Mutilado).

5 comentarios:

  1. Eu fun algunha vez (poucas) ó baile Agolada. O que non sabía era que lle chamasen "El Moderno". Pensei que simplemente era A Sala de Festas.
    En Antas houbo un local que lle chamaban "O Salón" e que cumplía unha moi similar función. Curiosamente o propietario tiña na parte de diante un Bar chamado "Moderno".

    A día de hoxe, nin o Salón nin o Bar Moderno siguen abertos. A xente nova (cada vez de xeito máis precoz) tamén deixan Antas para ir a zonas "de marcha" ubicada en outras vilas...

    ResponderEliminar
  2. Un icono da movida agolense.
    Sucasas.

    ResponderEliminar
  3. oe, os que están na fiestra son john lennon e mccartney

    saúdos, gustoume o teu blogue

    ResponderEliminar
  4. ¡Cantas lembranzas! Aínda que vivía en Melide, ía co meu tío Imerio. Alí quedaron os mellores momentos da miña xuventude. Nós si que sabiamos divertirnos. Saúdos para os que moceamos "na de Salvio".

    ResponderEliminar