5 de xaneiro de 2008

ANTIGA ALDEA DE RIBADULLA


Tivemos un outono insólito, con escaseza de chuvias e máis cálido do acostumado. Isto trouxo consigo unha seca da que se leva falado abondo. Periodistas, blogueiros e curiosos de todo tipo achegámonos aos encoros para comprobar in situ e dun xeito moi evidente a febleza dos ríos e a gran cunca do corgo baleira e deserta.
A baixada do nivel da auga deixou ao descuberto terras e ruínas de aldeas que se van esvaecendo na memoria do pobo.
Eu achegueime a Portodemouros, encoro que baña os concellos de Agolada, Santiso e Vila de Cruces. Fun co fin de ver esas aldeas que pertencen xa ao imaxinario popular e das que cada vez quedan menos referencias. As fotos desta entrada recollen a antiga aldea de Ribadulla (Santiso), que se asentaba na beira do Ulla. Podemos observar os muros derruídos e a ponte á que lle falta a plataforma de madeira. Ao fondo da foto pequena vese un dos nichos do antigo cemiterio, que estaba no arredor da igrexa. Cando se alagou a aldea levaron toda a pedra que puideron, este nicho permaneceu pois era o único feito con ladrillo e cemento.
Na foto superior vemos un muíño con casa, en terras de Agolada e o río Ulla que baixa manso e minguado.
Baixei ata a mesma beira do río con temor de enterrarme na lama. Apenas luxei o calzado. Pero si experimentei sensacións insólitas que nunca antes puidera vivir. O misterio do pasado da aldea e a súa vida percorría o aire e un olor característico nunca antes percibido emanaba da terra que estaba a pisar. Era unha mestura de río e fungos, de oucas e terra sulagada.
Os valados debuxaban os camiños sobre a terra regañada. Un diríxese a Brocos e outro sobe pola aldea cara a igrexa. Tamén se ve a bifurcación que vai cara o muíño.

10 comentarios:

  1. Non sabes cantos pobos hai por ahi debaixo da auga

    ResponderEliminar
  2. No me extraña que sentiras esas emocións, pisando por onde quedan só as pasadas das pantasmas.
    Esta vez andiveches por nomes que me levantan da silla e me levan polo ar: Santa Cruz de Ribadulla, Gres, Camanzo, Merza, coa sua banda de música, a cascada do Deza. Kilometros mais abaixo o deza discurre inaccesible entre a maleza, fondo fondo nunha congostra formada pola auga, e o seu son esbarando entras pedras, rube cara os ouvidos dunha nena abraida pola grandeza i a forza da natureza...

    Non parece verdade que en Galizia nos falte a auga...

    ResponderEliminar
  3. A ver se agora que chove se soluciona o problema. Fermoso post.

    ResponderEliminar
  4. Sei de que falas cando aludes ás "sensacións insólitas" que percibiches. Eu teño fortes lazos con Portomarín e baixei en varias ocasións (mesmo en decembro pasado tamén) ao pe do rio cando os restos do vello pobo quedan á vista, e sempre que o fago percibo esas enerxías e intensidades.

    Unha aperta!

    ResponderEliminar
  5. Estas imaxes relémbranme "A vila sulagada" de Daniel Cortezón, unha novela que fala da xente que vive nunha vila que vai desaparecer tragada por un encoro.
    Fermoso posteo pola sensación que deixa na alma.

    ResponderEliminar
  6. Manolo Busto en toda a súa esencia. Mágoa de non andar por aí nestes días, gustaríame contemplar esa paisaxe tremebunda e desoladora co meu ollo dixital e por suposto, na túa compaña. Eu non deixo de ter en mente o desarraigo que padecerían aqueles paisanos que tiveron que abandoar todo canto tiñan a cambio de "nada". Naqueles tempos, deseguro que achantaron con moitas cousas porque os negociadores levaban garabata.
    Grazas polo post.

    ResponderEliminar
  7. Eu aínda lembro cando de pequerrechiño crucei a ponte para ir a casa de meus avós a Visantoña.
    Lembro cando o vello Caramés (morreu o ano pasado)cruzaba a ponte co primeiro John Deere que habitaba pola zona. Tamén cando Maneiro de Visantoña, o taberneiro, viña aos Remedios a Sexto coa súa carroceta que poñía de chigre na festa e cruzaba polo porto uns metros mais arriba, onde desemboca o río Beseña no Ulla porque pola ponte non lle cabía a vella carroceta. Despois volvina a cruzar xa anegada, cando volveu baixar a auga, pero as taboas e vigas xa eran un perígo.
    Tamén lembro cando un veciño moi preto da casa de meus pais, unha noite arrumbou coas vigas da Ponte para facer a súa palleira e aínda parmanecen alí.
    Moi boas fotos Manolo.
    Grazas e lembrarche que temos que facer unha exposición delas por Brocos.
    unha aperta
    Xosé Ramón.

    ResponderEliminar
  8. Está visto que as túas fotos e as miñas acabarán complementándose algún día. Fermoso o que escribes, e fermoso tamén o ollar que hai detrás da cámara para plasmalo así.
    Meus avós son de Ribadulla. Fixeron hai vinte anos unha casa onde agora está a aldea, pero eles aínda recordan as casa asulagadadas polo embalse. Alí quedou tamén a vella igrexa e toda a vida que ti viches pasar nas pegadas da túa excursión.
    Fermoso, compañeiro.
    Unha aperta!

    ResponderEliminar
  9. Eu nunca experimentei a sensación de pisar en terreos así, pero cheguei a emocionarme lendo como Julio Llamazares relata a sensación de ver aparecer baixo as augas, anos despois, os seus espazos da infancia.

    ResponderEliminar