29 de xaneiro de 2008

SANTOMÉ NO SILENCIO

A aldea semella un oasis
inzada de silencios mestos.
As vellas casas, mudas,
verticais na sombra,
acugulando ruínas.

A soedade erguíase no lugar

bañada na luz da mañá,

un himno de misterios

antigos prendíase nos valados

da deserta corredoira.

Un regueiro de bágoas

abrollaba do manancial inmaculado

e un queixume xordo

burbullaba no lavadoiro,

na fontela virxinal.

A aldea sobrevive na señardade,

na memoria ancestral

dos vagalumes noitébregos,

no colo espido da alba

da montaña nevada de carballos.

(A Santomé do Farelo, con agarimo para os amigos de Antas, especialmente para Xosé Manuel García, Luís Viñas e Xosé Luís Santiso).

8 comentarios:

  1. Santomé resulta ser un lugar moi entrañable.É unha das estampas que amosa o mimetismo dos asentamentos humanos de antano coa natureza. A sua integración co medio non resulta agresiva nin dañina. Canto tiñamos que aprender e que perto o temos, carallo!!!
    (Convido aos visitantes a que imaxinen -poñamos por caso- a primeira fotografía co fume da lareira saíndo da chimenea...).
    Con todo, hoxendía está totalmente deshabitado.

    Seguro que a quenes adicas as imaxes e mailo texto cho agradecen.
    Grazas
    Unha aperta

    ResponderEliminar
  2. Esa aldea ten o encanto das historias que faltan por contar e a ledicia de tempos pasados porque o pasado non é triste senón o presente.

    ResponderEliminar
  3. Estuve unos dias sin recorrer los caminos de internet, y cuando me paso por tu blog descubro este maravilloso post con esos paisajes entrañables y nostálgicos en los que tan bien encajan tus versos.

    ResponderEliminar
  4. Ola!
    Descubrin o teu recanto recentemente e teño que confesarche que me resulta emocionante. Todo nel éme conmovedor, exhuda ese sentemento inefable do panteista e do telúrico que ás veces tan difícil é de interpretar para un urbanita. Ademáis os teus versos lémbranme ós de Noriega Varela ou ós de Díaz Castro, os meus poetas de cabeceira. Noraboa!

    (E perdón polo repipi e cursilón do comentario...)

    ResponderEliminar
  5. No meu imaxinario infantil Santomé ficaba lonxe, con certo aire místico que lle confería atoparse nas abas do tótem. Supoño que a súa situación, relativamente illada, a presenza, noutrora, de neve abondosa... xa lle daban singularidade, que mantén. A simbiótica unión de palabra e imaxe, fermosa por outro lado, abala a memoria e esperta emocións.
    Grazas

    ResponderEliminar
  6. Amigo Busto,
    Xa empezo a dubidar se me gustas máis como fotógrafo ou como poeta.
    Unha aperta

    ResponderEliminar
  7. Fermosísimas fotos adobadas coa túa palabra. Quedamos con fame de máis, Busto.
    apertas

    ResponderEliminar
  8. fermosa polifonía de fotos e de verbas. E fermosa, sobre todo, porque fala dese lugar e de calquera lugar querido. Eu atopei a miña aldea tamén neste post...

    ResponderEliminar