20 de febreiro de 2008

AO AMIGO DANIEL GARCÍA QUINTEIRO


Pode semellar prematuro. Aínda o seu corpo está sobre terra. Pero desde hai seis horas a miña mente non é capaz de liberarse do trauma nin a dolor cesa nese percorrido que manca as intimidades. Teño que escribir para ver se así mingua a dor.
Sei que llo debo, porque lle quería, porque era meu amigo, porque nos saudabamos con sonoras palmadas no lombo, de complicidade. E quero traelo a este blog porque é o meu altofalante que me leva polas periferias do mundo e alá quero facer chegar a miña pena.
Con el compartín horas felices e de traballo, de camaradería na Coral Polifónica e na Asociación Amigos dos Pendellos, de cuxa directiva formabamos parte. Xogamos a construír un futuro mellor para a nosa terra, el co seu pulo de home coidadoso e emprendedor, experimentado e curtido na tribo e na emigración.
Foise dramática e inesperadamente e o ceo da Aquam Latam fendeuse nun pranto colectivo ao que se sumaron os cúmulos preñados de bágoas.
Amigo Daniel, a túa ausencia é xa unha lousa pesada que me oprime e que non entendo. Buscarei consolo na dor compartida cos amigos e compañeiros que quixemos. Cando hoxe viña cara Agolada desde Lalín, onde reparto os meus fogares, o pesimismo sobre o futuro planeaba sobre esta vila, que parece sentenciada a padecer a desaparición dos seus fillos máis prezados e a deserción doutros tantos.
Dentro dun pouco terei que deitarme e sei que mentres non consiga durmir, presidirás os meus pensamentos feridos e lembrarei os mellores momentos que estivemos xuntos.
Agradézoche a axuda e a información, sempre interesante e engaiolante, que me fuches aportando para reconstruír a historia da nosa vila e a das persoas que a habitaron. Quedoume pendente contigo cartografiar a microtoponimia da que sabías máis ca ninguén e recoller moitas historias que só ti me contaches. Como nunca imaxinei este final tan próximo, íao aplazando para máis adiante. E isto dime que terei que pedalear menos e dedicarme máis a recoller a oralidade dos que aínda saben como ti sabías.
Hoxe quérote aquí no meu blog, protagonista, porque o eras, da ledicia e a simpatía que gastabas cos amigos mozos, como os da foto superior (do teu álbum, o mesmo que reproducimos hai dous anos nunha tarde gris de inverno), onde ti apareces en posición central erguido na túa corpulencia de humanidade. E na segunda foto, sobre a Ponte dos Cabalos, explicándolles aos amigos que nos visitaban no II Encontro nos Pendellos, a historia do velaugarrido e do fillo de Rufino "¿y quién te lo ha dicho?", a historia da vella ponte.
Amigo, ¡que novo emprendiches a última viaxe! A túa ausencia é xa un cravo afiado que me manca no corazón.

18 comentarios:

  1. Tes polo que dis ben gardado un tesouro que el che foi dando. Ese non morrerá nunca, Busto, nin o teu cariño cara o teu amigo.
    Forza para seguir e ánimo nestes días tristes.
    Unha aperta a modiño.
    Vanessa

    ResponderEliminar
  2. Todos pasamos polo trance de perder algún gran amigo. Sei polo tanto de que falas e que sintes nestes momentos.
    Animo e unha aperta.

    ResponderEliminar
  3. Esta entrada hónrate. Onde estea, estará feliz de ter contado cun amigo coma ti.

    ResponderEliminar
  4. O trance da perda sempre é duro, mais as vivencias compartidas, o afecto e as aprendizaxes non finan. De seguro que o teu amigo estará presente no album das prezadas amizades e a súa esencia quedará impregnada no ar de Aquam Latam...

    Cada día é diferente e ten unha cor distinta.

    Unha aperta grande.
    :)

    *Viches o recado que che deixei no anterior post??.

    ResponderEliminar
  5. Tranquilo, él nunca morrerá.
    Cando alguén perde algo, os primeiros días síntese moi presente.
    Todos sabemos que un amigo é un amigo. Pero como dixen antes, non morrerá seguirá na mente dos que o coñecían. Bicos e ánimo.

    ResponderEliminar
  6. Polo que contas era un gran home e os grandes homes fican por sempre na memoria.
    Ánimo e unha aperta.

    ResponderEliminar
  7. Nunca aprenderei as palabras axeitadas para momentos de tristura coma os que ti e os cercanos ao teu amigo estades a pasar.
    Polo tanto vou plaxiar os comentarios anteriores facéndoos meus.

    Ánimo e unha aperta

    ResponderEliminar
  8. Hola, esta Agolada es Agolada sita en la provincia de Pontevedra. Te lo digo, porque mis padres son de alli, y tengo a casi toda mi familia por las parroquias que pertenecen al Ayto. de Agolada... No sabes la ilusión que me hace que la tierra de mi familia tenga un blog :-D. He dado contigo desde el blog de Mencía. Un saludo grande

    ResponderEliminar
  9. Sabemos con certeza que todos habemos de morrer pero a señora da gadaña sempre nos colle de sorpresa.
    Non o coñecía de nada pero podo adiviñar que era un home bó e entregado. E polo tanto sinto a súa perda para o noso mundo.
    Unha aperta e a tirar para adiante.

    ResponderEliminar
  10. Grazas a todos os que expresastes a vosa comprensión coa dor que nos embarga a moitos agoladenses pola perda dun home aínda novo, sinxelo, bo e xeneroso, en dramáticas circunstancias.
    Fini, si é esta Agolada de Pontevedra. Alédame saber de ti e do teu blog. Aquí tes a túa casa, que tamén á a túa terra. Xa me dirás de que familia es para saber se vos coñezo.

    ResponderEliminar
  11. Que bellas tus palabras. Me arrancaste las lágrimas por que además de doloroso es incomprensible para mi lo que sucedió. Él, no solo era un buen amigo de mi infancia sino que además era mi tío y mi padrino. Se me vienen a la cabeza miles de imágenes de momentos compartidos y es muy triste saber que ya no estará.
    Solo ruego por que Dios perdone sus pecados y lo lleve a su reino por la esperanza de poderlo ver algún día.

    ResponderEliminar
  12. Todavía desolada por la noticia del fallecimiento de DANIEL, no puedo por menos que sentir una profunda tristeza; y darle las gracias a Ud. por darnosla oportunidad de mi pequeño homenaje: Quería transmitir mi más sentido pésame y deciros a todos que "su familia" sentimos orgullo de haber tenido un familar como Daniel, persona entrañable, dispuesta y comunicativa que siempre aportaba alegría y buenos momentos.Lo único que lamento que nos ha dejado demasiado pronto, y sin concluir su obra.
    Siempre estarás en nuestro corazón.

    ResponderEliminar
  13. Mi familia es de Berredo ¿te suena? perdona que no te escriba en gallego, pero me desgraciadamente me cuesta tanto!!! mi padre es Eugenio Calviño Cid y mi madre Mª del Carmen Moure Vázquez, no sé si te sonarán. Ellos viven ahora en Vigo, pero la casa de la "aldea" la tenemos en Berredo. Mis padrinos viven en Agolada son Amadeo y Merche... ya me contarás....

    ResponderEliminar
  14. unha aperta solidaria, manolo!!!, a túa dor atravesa o mar e chega tamén aos meus ollos.
    bea (toxomar)

    ResponderEliminar
  15. un biquiño morno, queridiño. sinto que teñas esa dor por o teu amigo. tamén a mín me tocou perder persoas moi queridas. doi.

    ResponderEliminar
  16. Sentida Pésame. Manolo, ese amigo non morreu para ti. Na nosa sociedade temos por costume enterrar aos mortos para esquencernos deles, pero os amigos de verdade non morren dese xeito, sempre están vivos no corazón da xente que os ama.
    Serenidade e reflexión son as minhas palabras.

    ResponderEliminar