23 de febreiro de 2008

ORIOLUS ORIOLUS

Hai aproximadamente catro anos coñecín o nome de VELAUGARRIDO para designar un paxaro que habita nos nosos bosques. Estaba con Fidel Torreiro Sarandeses no monte de As Virtudes, moi preto do Rego de Ferreiroa, e escoitamos o canto do paxaro, un asubío prolongado e inconfundible. Seguro que eu xa o tería escoitado pero non lle prestara atención. Fidel faloume de que había tempo que a súa vida de urbanita madrileño lle roubara o canto do velaugarrido. E no nome e no canto foi onde saltou a miña sorpresa.
Despois dese día comentei con máis xente o asunto por ver de identificar o paxaro, pois ningún dicionario me falaba do tal velaugarrido.
Só puiden facer luz sobre o asunto consultando unha páxina en Internet. Alí escoitei o seu canto e identifiqueina polo nome científico e polo nome en castelán. A partir de aí dediqueime a recoller a enorme variedade de nomes con que designamos a esta ave exótica que aniña nos bosques de ribeira e gusta de facer o niño nas pólas máis altas dos ameneiros e dos carballos.
Xosé Luís Sucasas titula unha das súa novelas co nome de O paxaro que ninguén ve e nela refírese a este mesmo paxaro, pouco amigo de deixarse ver. El chámalle o millangarrido. Outros nomes con que se lle coñece en Galicia son os de ouriolo (quizais o máis común), papafigos, vichelocrego, milpéndora, milleiro (chega a Galicia na época de sementar o millo), marelao (na zona de Dozón), nicolao...
O nome de velaugarrido, sobre cuxa ortografía debatemos Xosé Vázquez Pintor máis eu (velaí o garrido?), parece exclusivo da conca hidrográfica do Arnego. Non puiden encontralo máis alá.
Hai varias historias nas que se pretende traducir a palabras o canto do velaugarrido. Uns din entender Botáchelo millo? E quizais a máis simpática era a que me contaba o malogrado amigo Daniel de Sidorio. Dicía dun mozo de Parada que emigrara a Arxentina e volvera xa corentón, solteiro e sen fortuna, á casa natal. Nos primeiros tempos tivo que gardar as vacas na Insua dos Cabalos e escoitou o canto do velaugarrido, mais el entendeu unha voz humana que lle preguntaba Eres de Rufino? (Rufino era o seu pai). Ao que el contestou nun castelán importado do Río da Prata Y quién te lo ha dicho?
Queda logo constancia nesta bitácora, firmada e rubricada para que non se perdan estas historias tan sinxelas coma entrañables.

12 comentarios:

  1. Curioso nome. Eu sabía o de ouriolo e vichelocrego que debe de ter unha orixe semellante ao de botáchelo millo ?.
    Tés razón: estas historias sinxelas e entrañables non se deben perder.

    ResponderEliminar
  2. Pero dixéchesnos o nome na clase, debe ser fermoso o seu canto. Moitos bicos

    ResponderEliminar
  3. Dou fe de que en Cadrón, que pertence á conca do Arnego, o nome que recibe é "vlaugarrido". Xa lle comemos o "e" de velau. Eu utilicei "millangarrido" porqwue non era tan localista..pero agora penso que debín usar "vlaugarrido".
    Sucasas.

    ResponderEliminar
  4. Ben curiosos os nomes. Eu comparto nome con Sucasas pero voulle mudar a ortografía: blaugarrido. Prometo novidades.
    Saúdos

    ResponderEliminar
  5. Entendo ben as persoas que son capaces de estar horas a asexar para ver un determinado paxaro e escoitar o seu canto. Os paxaros por escurridizos e misteriosos teñen un aquél ¿non sí?
    eu non coñezo moitos, pero un dia fun por a miña aldea do concello de silleda, e notaba que faltaba algo e faltaba algo e non sabia que era... e de pronto decateime ¡as pegas!, vaia plaga, dicia miña tia, deixas ir, xa hai tempo que non hai.
    Pois o outro dia no parque de santa margarita na coruña, estaba cheíño de pegas, oes.

    ResponderEliminar
  6. Busto, gracias,a foto do belaugarrido no niño,coa sua familia, fixome recordar cando eu era neno, e meu pai me decia "velo na cima do carballo" moito me costou velo.
    GRACIAS MANOLIÑO.
    fidel

    ResponderEliminar
  7. Consultei o Tesouro Informatizado da Lingua Galega (TILG), aberto a todos os que gustamos do idioma e non se recolle o noso paxariño coa denominación agoladense. Déixovos máis nomes tirados dunha guía de aves que saquei do TILG
    Coñece÷se tamén cos nomes de Estornillo, Saturniño, Tornillo, Chirlo e Chirlomirlo. OURIOLO Bota o millo, bota o millo que na miña terra queda collido, e aquí aínda por botar. (Popular) Na maior parte de <1*Galicia1> coñece÷se esta ave cunha morea de nomes: María_Rosa, Vichelocrego, Milpéndora, Riádigo, Merlo rei, Tiroliro, Merlo gaiolo, Domingo_lirón, Merlo marelo, Papagaio, Pitiojó, (impropiamente Reiseñor), Aropendra, Figomarelo, Figorrodrigo, papafigo, Milleiro, Ouripenlo, Galo cereixeiro, Aureol e outros; os máis deles fan alusión ó seu asubío aflautado {Fíu luí}, co que disque fala e di: «María_Rosa, ¿ti vés ou non?»,

    ResponderEliminar
  8. Lendo o teu blog teño a sensación de que a historia non existe, estás ti a escribila. Esa curiosidade que tes polas cousas é enfermiza.
    Grazas por tanta xenerosidade.

    ResponderEliminar
  9. No Frampas II de Elixio Rivas (pódese ver no Diccionario de Diccionarios do Instituto da Lingua Galega coordinado por Antón Santamarina)vén VILAU GARRIDO "s.m. Oropéndola. También le dicen merlo marelo por ser el color amarillo vivo y negro (Carral, Agolada, Po.). Cf. millán garrido"

    ResponderEliminar
  10. En efecto, entón podemos pensar que non é máis que unha variante fonética, non difícil de explicar, de millan garrido ou para a nosa área dialectal millau garrido.

    ResponderEliminar
  11. Eu son de Carral, Agolada e de neno oín falar do "villaogarrido" coma se fora un mitolóxico córvido marelo de canto asubiado, pero só foi fai 4/5 anos cando o vin por primeira vez (mais de 30 anos despois e 15 despois do pasamento do inductor) e sentín que era una revelación

    ResponderEliminar