27 de febreiro de 2008

UNHA ALDEA AUTÉNTICA

Teño que agradecer aos lectores desta páxina a súa fidelidade e o estímulo que supoñen para que prosiga neste labor case diario que me distrae e enche algunhas horas da miña vida dándolles significado, e que me dá a ocasión de me sentir (en verbas de Celso Emilio Ferreiro):
TIDO
METIDO
PROMETIDO
COMPROMETIDO
cunha terra, cun medio, cunha xente, cunha causa...
Nese compromiso co rural, co patrimonio, coa paisaxe, co respecto á historia e ao pasado volvo traer unha imaxe do amigo e fotógrafo holandés Ton von Vliet para ilustrar como o paso de poucos anos (a foto é de 1980) foi deteriorando irremisiblemente a arquitectura das aldeas, representadas neste caso polo lugar natal doutro amigo, Xosé Luís Sucasas, a quen lla dedico con agarimo e lle expreso as grazas polas aportacións que vai deixando neste blog. E de paso desde aquí pregúntolle qué pasou coa súa web, na que tentei entrar nos últimos tempos e encóntroa desactivada.
A aldea é o lugar de O Castelo, parroquia de Cadrón, en Lalín, a 5 quilómetros de Agolada. O lugar debe o seu nome ao primitivo castelo que presidía un outeriño do lugar. Da fortaleza non quedan máis vestixios que a toponimia no propio nome da aldea e no das fincas que hai na parte baixa do outeiro, que reciben o nome de Sucastelo.
Nesta mesma aldea quedan vestixios do recinto castrexo e do antigo camiño real que proviña da Ponte Taboada e cruzaba a Ponte Vilariño (ambas medievais) para dirixirse cara Agolada. Por aquí aínda saben dos Clamores (rogativas á Virxe para pedir a choiva en tempos de seca ou a escampada cando a auga cae arreo sobre as colleitas que apodrecen) que ían de Vilariño a Bermés ou viceversa en procesión antiga e ritual.
O Castelo era e aínda é unha aldea dunha arquitectura granítica meritoria. Ton von Vliet tomou unha vista que planea sobre os tellados e mira cara a Moimenta. No sentido inverso, a aldea domina unha extensa panorámica sobre as terras agoladenses da cunca do Arnego. No fondo dos agros de O Castelo, o Arnego dóbrase no Bico da Valouta.

9 comentarios:

  1. Outra viaxe no tempo. Fáltanlle as xentes a esa fotografía para darlle vida.

    Imaxino que na aldea como moito só quedarán dous veciños a día de hoxe. Nas proximidades da miña terra hai tamén moitas aldeas baleiras, nas que agonizan as arquitecturas.

    Menudo traballo fas!!!!

    ResponderEliminar
  2. Grazas, Manolo. En canto ó da miña páxina, pois canseime. Son algo baila-na-criba...
    Por certo, Silvana, nesta aldea en concreto aínda queda xente e hai rapaces.
    Sucasas.

    ResponderEliminar
  3. Animo Busto...non tomes exemplo de teu amigo e segue traballando. Longa vida a Aquam Latam.

    ResponderEliminar
  4. Desde aquí tamén lle pregunto a Silvana qué pasou coa Sandalia. Non consigo acceder á páxina. Dáme erro na entrada.
    Unha aperta e grazas por pasares por esta casa con tanta frecuencia.

    ResponderEliminar
  5. Cando vin a foto pensei que era de cando meu avó era un chaval; e resulta que vai ser "do outro día".
    Empezo a entender a Fray Luis, cando lles dixo aos seus alumnos aquelo de "dicíamos onte..."

    (Non podo evitar recrearme na imaxe. O entrañable das liñas fai que O Castelo poida ser percibida como calquera dos nosos pobos).

    Unha aperta

    ResponderEliminar
  6. A verdade e que agora as aldeas están a ser abandonadas. Pero a foto está chulísima. Moitos bicos.

    ResponderEliminar
  7. Busto, estou escondida en Galisivorg (www.galisivorg.blogspot.com)

    Un saudiño.

    ResponderEliminar
  8. Cantas cousas pode evocar unha foto. De eses tellados parece andar escapando o fume dunha cociña na que se están facendo as filloas... non si?
    Apertas

    P.D. Ando con pouco tempo para escribir, Busto, pero sempre escapo para facer unha paradiña neste teu blog.

    ResponderEliminar