20 de marzo de 2008

ARREDOR DUNHA COCIÑA

Hoxe reencontreime co amigo Suso Chorén, que aparece na foto con xersei branco. Había varios anos que non nos viamos. E na ledicia do reencontro lembramos as horas felices de cando mozos, da troula que gastabamos, das bromas rigorosas que el nos inflixía, do licor café que sabiamente elaboraba a súa avoa, do Catro Catro verde, LU-3889, que mercara seu pai en 1956; dos amigos comúns, de que el é un fiel seguidor do Aquam Latam (cousa que eu descoñecía), das veladas nocturnas na cociña dos seus tíos... Concretamente faloume desta foto que vos expoño. Lembraba con fidelidade a noite e a visita do meu amigo e compañeiro Pastor Fuenteseca. Ese mesmo día eu cumprira 19 anos e rematamos a xornada conversando animadamente arredor dunha botella de cava. Sen excesos e sen ter que coller o coche para regresar á casa. Porque as nosas casas estaban preto e porque non tiñamos coche. Só Suso. Suso foi o noso condutor naqueles felices anos, no Catro Catro e no Onasis (ese era o nome que lle dabamos ao Dodge Dart do seu pai). El pediume que contase aquí algo do Catro Catro e fareino noutra ocasión porque me pareceu que me pedía que lle fixera unha homenaxe. Tamén falamos da deserción xeral que se percibe en Agolada. ¿Que foi de todos nós, que agora nunca conseguimos reunirnos? Falamos tamén das nosas vidas actuais e a ledicia de vérmonos alongouse pola conversa coma un sol de primavera.
Na foto ademais de Suso, aparecemos de esquerda a dereita, Álvaro García, eu, Pastor Fuenteseca Díaz e Xosé Carlos García Cumplido. O retratista foi Luís García, o curmán de Suso.
Recoller aquí no blog estas miudezas pode resultar intrascendente para os mais dos lectores, pero para eses fieis lectores de Agolada han de ter o seu significado e con ese propósito naceu esta páxina: para difundir Agolada e os seus valores e para cohesionar aos agoladenses disgregados que na proximidade ou na distancia teñen aquí un referente. Para todos eles unha aperta. E que esta disertación lle sirva de agradecemento ao amigo Suso Chorén (a quintaesencia do medio madrileño/medio galego) por tantas e tan boas xornadas que vivimos xuntos.

3 comentarios:

  1. A vida está feita de cousas pequenas, pero a amizade é unha das máis grandres. Grazas pola foto e por compartir a experiencia do reencontro dun amigo. Bo e claro día de Xoves Santo.

    ResponderEliminar
  2. os amigos son o mellor que ai diso non hai duda. www.asbeirasdoarnego.blogspot.com

    ResponderEliminar
  3. Os blogos son unha marabilla en casos coma este onde o importante é a comunicación cómoda entre coñecidos.

    ResponderEliminar