26 de marzo de 2008

EXOTISMO EN RACAMONDE

Nesta época de consumismo desaforado, o mundo quedóusenos pequeno á hora de buscar un lugar de vacacións con que sorprendernos ou sorprender aos amigos e compañeiros de traballo. Xa pasou a época na que un podía orgullecer por ter probado as augas mornas do Caribe; e Centroeuropa, cos voos de baixo coste, queda demasiado preto. As pirámides de Exipto teñen menos misterio por ser demasiado concorridas. Os safaris de Kenia ou noutro país africano son atractivos depauperados.
O exotismo actual foxe dos lugares comúns e busca o "fío do imposible", lugares inéditos, hóspitos e inhóspitos, remotos, alonxados dos trafegos desta sociedade das présas e da contaminación.
Eis aquí nas fotos un lugar de Agolada que posúe suficiente exotismo para sorprender a calquera. Un lugar moi pouco coñecido e sen máis atractivos que a natureza e o vello muíño. A min marabilloume o verán pasado, cando cheguei a esta ribeira do Arnego o suficientemente apartada para respirar a "retirada vida de quen foxe do mundanal ruído".
A vexetación, exhuberante. A fauna de aves e anfibios testemuñaba sonoramente a súa presencia. O río estaba delineado polo bosque de galería e o fragor da auga chegaba desde o antigo muíño de Racamonde, nos dominios fluviais de Gurgueiro.
Unha tosta, unha presa, un pasadoiro e o muíño de pedra denotaban a man humana, sabia e antiga.
Tanto exotismo pasoume factura en forma de varias erupcións cutáneas nas pernas despois de pasear co culote curto de ciclismo por tan vizosa pradeira.

8 comentarios:

  1. Ese lugar con boa compaña, unhas empanadas, viño e bo tempo e xa é o paraíso.

    ResponderEliminar
  2. Estou de acordo con paideleo ... só engadir un pantalón longo á vestimenta. Queda anotada a visita a Racamonde.....con mellor tempo que o de hoxe. Bo día.

    ResponderEliminar
  3. Pois as panaderías de Antas fan unhas empanadas caralludas. Eso sí, por moito que nos confunden, nesta parte do nacemento do Ulla non cultivamos viño...

    (Tes razón, ás veces hai quen busca lonxe o que ten ao seu carón)

    Unha aperta

    ResponderEliminar
  4. Busto, e con todas estas propostas que xa che levan posto aquí, todas arrecendendo a risas e empanada... non che era ese mal sitio para un amago do encontro ese que temos pendente e do que falamos na eira da Xoana, ou non?
    Non amoses moito estes tesouros que igual se che enchen de ruído.
    apertas, amigo

    ResponderEliminar
  5. MOI BEN BUSTO. E UN LUGAR FERMOSO CON UN NOME QUE NON DESMERECE : O MUIÑO DE RACAMONDE.
    GRAZAS POR POÑER EN VALOR O NOSO,

    QUINTEIRO

    ResponderEliminar
  6. Hai sitios moi fermosos preto de nós os que a penas lles prestamos atención, ou simplemente descoñecemos a súa existencia.
    Grazas por ensinarnos este.

    ResponderEliminar
  7. Fermoso post e fermoso lugar.

    ResponderEliminar
  8. que bonito sitio, parece mentira que este tan preto miña e non o coñecía, parece que aínda me queda moito por coñecer

    ResponderEliminar