PEDRO DO TOCO
A historia das vilas pequenas e das aldeas quedan tatuadas polas vidas dalgunhas persoas que posúen o don da singularidade, unha personalidade diferente, ás veces estrafalaria. Pedro do Toco era, segundo me contaron, pois eu non o coñecín; desa clase antes citada. Pequeno de estatura e de ambicións, inxenuo e boa persoa. Gustaba do alcohol e axiña perdía o sentido, como tamén perdeu no xogo da baralla boa parte da súa herdanza. A súa estampa apoiábase nos alicerces duns enormes zocos e acubillaba a testa baixo a pucha ben calada.
Moitos anos da súa vida empregounos en alugar a súa xugada de vacas e o seu carro. Ía de casa en casa facendo carretos de eixe cantador que acompañaba co seu asubío ledo e a vara de aguillada sempre ao ombro.
Antes de comezar o traballo matutino, co carro apostado diante da casa na que ía traballar, agardaba calado polo "combustible" que poñía aquel transporte en marcha. Sen o chupinazo de augardente nin Pedro, nin o carro, nin as vacas escomezaban a xornada.
Rescatei esta foto no taboleiro do bar da Fina, moi deteriorada e borrosa. Deille algún retoque e restaureina ata onde puiden (onde non había era difícil sacar). Con ela construímos unha parte da intrahistoria de Agolada.
Pedro do Toco, tivera dous fillos: Clemente e Filomena (Xosefa). Clemente casou e morreu sen fillos. Xosefa nunca chegou a casar e morreu hai algúns anos. Con eles extinguiuse a familia. Quédanos a memoria e desde esta páxina poñémolos de actualidade e facémolos viaxar pola Internet. Iso nunca chegou a soñalo Pedro do Toco: que o seu carro viaxase polas corredoiras do mundo moitos anos despois de ter feito esta foto e a distancias moi superiores ás que lle eran habituais.
A foto pertence ao arquivo de Xosé Sieiro Santas, de quen sentimos o seu recente pasamento.
13 comentarios:
Pois vese un carro ben cargado, cos ladrairos izados. De seguro que lle chiaban as troitoiras.
Agora, por mediación tua, o carro de Pedro do Toco brinca dende as corredoiras de Agolada ás autopistas da tecnoloxía da información. Se llo contasen a él e máis ao "retratista" que tomou esa imaxe...
Sirva a túa mención a Pedro do Toco como unha homenaxe a todos eses bos homes que conformaron a vida das nosas vilas e aldeas.
Un son que se perdeu, e que boto moito en falta, é o dos eixos dos carros, cada un coa súa canción.
(Alégrome que o pinzamento vaia mellor. Quedas ofrecido a pasala pedra dos cadrís na Virxe da Barca).
Non coñecía eu a historia esta, si que tes razón co que nin sequera se podía imaxinar que o seu carro ía viaxar tan lonxe, vantaxes de Internet. Que ben vai a xuntanza, haber se rematades de programar todo que xa teño ganas de que chegue. saúdos.
Da gusto ler historias así que nos levan a outras épocas, a outro mundo que pouco a pouco foi desapareacendo.
Grazas por lembrarnos de onde vimos.
o cantar dos carros aínda se escoita nos camiños, é a vento que percorre as autopistas da libertade.
menudas historias que nos contas, busto, non che coñecía eu tal pero está moi ben.
A imaxe ata semella unha ilustración de Castelao.
Pedro do Toco e as súas vaca ( ou bois ? ) deben de estar contentos mirando esta imaxe pola arañeira virtual.
Nós tamén temos algunha historia para rescatar do esquecemento. Esta é ben curiosa.
é xenial, darlle vida as estas historias, facelas navegar polr estes riós dixitais,
quen sabe ata onde poden chegar estas historias de homes e mullers que sachan a historia das vilas e as aldeas.
máis dunha coincidencia provocan estas historias, e máis de unha provocara esta de seguro.
quen sabe ó mellor no brasil, ou no xapón alguen coñece a pedro de toco!
un saúdo e u ha vez máis, vivan as coincidencias!
A min contáronme historias como esta. Son fabulosas. Bicos.
Amigo Busto;
gustoume o teu conto, e tamén que haxa quen se lembre dos esquecidos, dos que nunca tiveron medallas nin condecoracións.
Fermoso texto e fermosa lembranza.
Apertas
Como sancristán do "Aquam Latam", hoxe 12 de abril, festividade de S. Xulio, é a miña obriga felicitar ao meu abade e ao seu irmán xemelgo. Queda anotado un licor café á miña conta.
Unha aperta.
si, manolo, arestora o do blog anda medio perdido. ás veces actualizo, pero hai outros mundos que me reclaman e aos que lles fago un lugar. non é que este non o mereza, que si, pero ando todo o día nunha roda viva de muíño, traballando pola mañá, cantando, saltando e bailando pola tarde, por mor da sabela e tamén me apuntei a un taller literario por aquí, obrigándome a tecer textos e tamén a coñecer persoas que teñen esta inquedanza similar.
por certo, con ou sen xuntanza, estou segura de que algún día poderemos falar en persoa, galicia está a un milímetro en avión, e eu, nas oportunidades voo ao curruncho da casa.
unha aperta
bea (toxomar)
Publicar un comentario en la entrada