11 de maio de 2008

SANTA BAIA DE PALIO BAIXO PALIO

Santa Baia de Palio é unha parroquia moi pequena situada nas ribeiras do Arnego, no concello de Lalín e colindante co concello de Agolada. Posúe unha igrexa pequeniña cun notable interese arquitectónico por ter reminiscencias protorrománicas, sobre todo no seu interior: o arco triunfal e as pías bautismais.
No exterior advírtense elementos románicos desubicados que evidenciarían unha resconstrución do templo ou o traslado dalgúns elementos desde outra ubicación anterior.

Desde hai anos, o templo presenta múltiples deficiencias estruturais que obrigaron a abandonar o edificio como lugar de culto. Fendas e alicerces febles danaron severamente a fábrica románica.
Para pórlle remedio cómpre ter o permiso da Consellería de Cultura e actuar baixo as súas directrices. Teño entendido que se intentou a restauración. Pero a única actuación que se levou a cabo é a que tanto chama a atención nestas fotos, como nola chamou aos que participamos nun curso de Paisaxe, Territorio e Patrimonio cando xiramos visita ao lugar o pasado sábado.
Esta medida profiláctica consentida ou impulsada desde a Consellería de Cultura ten para min varias lecturas. Por un lado evidencia que Patrimonio non fixo oídos xordos ás demandas veciñais ou municipais. E para iso colocou este mamotreto metálico ancorado sobre pivotes cúbicos de formigón, coma un enorme palio baixo o cal a igrexiña ve pasar os anos á espera de mellores atencións.
Por outra parte está a reacción que causa sobre os que nos dicimos defensores dos valores patrimoniais e que carecemos de autoridade académica sobre a materia. Tal reacción só ten un nome: ABRAIO.
Unha medida semellante levouse a cabo no Dolmen dos Muíños en Bidueiros (Agolada). Alí para protexer as pinturas rupestres que había nos ortostatos do dolmen, actuouse tapando o dolmen cun novo túmulo de terra, soterrando e ocultando uns valores arqueolóxicos e artísticos que agora é imposible amosar a propios e estraños.
O tellado metálico de Santa Baia de Palio é un placebo inoperante para a grave enfermidade que padece o edificio. E a min xúrdeme a pregunta de se non tería sido mellor empregar os cartos deste tellado en acometer as primeiras obras de restauración: consolidación de muros, alicerces e nova cuberta. As seguintes actuacións poderían esperar algo máis.
Este canzorro da foto da esquerda está a media altura na parede norte da ábsida, totalmente desprazado do seu lugar orixinal. Outros dous canzorros descansan sobre as xambas da porta principal e soportan, a xeito de ménsulas, un tímpano liso e semicircular. O Agnus Dei, sen a cruz que o remataba, coroa a ábsida e non o testeiro, como sería máis lóxico.
O retablo barroco, o que puiden fotografar del desde unha fiestra lateral, presenta igualmente un acusado deterioro. Cada ano que pase, os males deste edificio irán medrando de xeito exponencial.
Non me gusta furgar nas chagas alleas, pero é difícil observar como o patrimonio cargado de séculos se vai estragando mentres os edificos do monte Gaiás crecen en altura e cavan un enorme foxo no erario público.
Santa Baia de Palio e toda Galicia son un enorme monte Gaiás que precisa a mirada atenta dos políticos e os fondos públicos de todos os galegos.
Sei que é imposible atender todos os bens patrimoniais, pero hai cousas que un non dá entendido, coma este descomunal palio de Palio.

8 comentarios:

  1. Que boas fotos sacas. Vese todo o detalle. Bicos.

    ResponderEliminar
  2. É incomprensible tanto abandono e olvido do patrimonio, e como dis, con ese Gaias chupando cartos. Preciosa ermita, esperemos non ter que lamentarnos...

    ResponderEliminar
  3. Xa me tes deixado coa boca aberta; pero desta vez as imaxes que amosas van desencaixarme os carrillos!.

    Teño que convir que mellor que nada calquera cousa semella relevante. Con todo non podo evitar preguntarme se non habería algo máis que facer. (O palio do campanario...manda truco. E non digo que mande outra cousa, que falamos de arte sacro).

    Unha aperta

    ResponderEliminar
  4. Chafalladas que se fan. Enfin.

    Unha cousa: fun ao banco e o numero de conta din que non existe. Esta ben ou equivocouse o do banco ?.

    ResponderEliminar
  5. Semella que esa igrexa necesita algo mais ( e necesítao urxentemente) que un simple remendo para ir tirando e a ver que pasa.
    Están ben as denuncias deste tipo de actuacións por si alguén da administración toma nota ou lle cae a cara de vergoña.
    apertas.

    ResponderEliminar
  6. Isto é unha vergoña. É incrible como se pode deixar apodrecer o noso patrimonio. O da cuberta de chapa é de coña, cando vin a imaxe no xornal case caio de cú. ¿Non sería mellor poñerse máns á obra e facer unha restauración en condicións en lugar de gastar os cartos nesto?. Esta medida soamente alongará a súa agonía.

    ResponderEliminar
  7. Eu xa non me espanto destas cousas, porque teño visto arranxos que dan noxo, iste polo menos está en espera de que se faga algo, pero tiñades que ver o arranxo que fixo a consellería de cultura (nos tempos do pp) do Castelo do Bolo, ou da igrexa de San Martiño tamén no Bolo, Unha auténtica mágos, xa porei algunha foto do caso.
    Apertas.

    ResponderEliminar