4 de xuño de 2008

BLOGUEIROS NOS PENDELLOS DE AGOLADA

Levo varios días observando e lendo o que os demais blogueiros publicaron nas súas bitácoras sobre a Xuntanza en Agolada. Entre a propia impresión que me produciu o acontecemento e as valoracións dos diferentes blogueiros titulando o día cos mellores calificativos, téñenme sen capacidade de reacción e navego nun nubeiro de incredulidade e asombro do que non consigo apearme.
Desde a miña óptica tamén coincido en valorar a Xuntanza do 31 de maio como altamente interesante, necesaria e emotiva. Un evento singular e inédito nesta vila. Pero prefiro que sexan os demais blogueiros os que califiquen a xornada. A nós como anfitrións correspóndenos agradecerlles a todos a súa asistencia, afabilidade e o esforzo de desprazarse ata aquí.
Comezou o día na praza do Concello, co ceo anubado e temperaturas frescas tratándose do final de maio. Por iso os máis madrugadores abeirámonos tras un reparador café mañanceiro.

Na praza, coa música da charanga infantil da Banda e dos gaiteiros Bico da Balouta, fomos recibindo aos blogueiros e identificándoos cunha etiqueta na que figuraba o nome do blog e en moitos casos tamén o nome persoal. Dese xeito os primeiros contactos aforraron palabras nas presentacións para dedicarllas ao mutuo coñecemento e intercambio de opinións.

Blogueiros, co pequeno Leo atraendo as atencións de todos, socios de Amigos dos Pendellos e veciños da vila fóronse concentrando, atraídos pola música, no arredor da fonte.
Adolfo Meixide, socio de Amigos dos Pendellos, ofreceuse a vir con membros do seu club de coches clásicos para animar algo máis a Xuntanza. A sorpresa de última hora non desagradou a ninguén nin distraeu a atención dos motivos que nos levaron ata Agolada.
Maximino pecha o capó do seu clásico Citroën despois de vixiar o estado do motor.

Cando estivemos todos reunidos, conducidos pola música de Bico da Balouta, percorremos a zona antiga da vila para chegar ata os Pendellos, dos que se deu unha breve explicación.
Na foto de arriba aparecemos na praciña da Randulfa, espazo nuclear do antigo recinto das feiras.
O público e os blogueiros acomodámonos entres os pendellos para facer as presentacións e expoñer a nosa experiencia na tarefa de publicar un blog.
O primeiro en intevir foi Carlos (Calidonia), un dos que máis experiencia acumula, entre os asistentes, no blogomillo.

Xosé Luís de Lalín (DezaRutas) xestiona un blog sobre ciclismo e outros deportes.
Pedro (Paideleo) acudiu á Xuntanza desde O Porriño, acompañado pola súa familia. Se pinchades na ligazón poderedes ler a súa crónica.
Tamén nos deixou un interesante álbum.
Palmira, natural de Sardiñeiro, acudiu desde Castrelo de Miño (Ourense). Escribe o blog (Insomniorizar)
Deixounos un extenso álbum de fotos
Juanjo (3 Miniaturas) falou dos blogs como pendellos expositores dunha feira virtual onde cada un oferta o seu produto sempre distinto e variado. Iso faciamos os blogueiros nos Pendellos.
Jose (Prometeo) chegou a Agolada para converterse nun dos heroes da xornada. Un pé roto e un par de muletas non foron impedimento para acudir a unha Xuntanza onde coñecía moi pouca xente e atreveuse a percorrer o Sobreiral, incluídos os carreiros de pescadores. A súa crónica é emocionada e literaria.
Mariola (Navicularia), micrófono en man, e Bila (Nunca te conformes con nada) a cadanseu lado de Prometeo chegaron coa súa xuventude desde Santiago.
No fondo aparece Marcos Concepción (Turismo de Pontevedra).
Ana Belén (A Zanfonista) falou de por que escribe un blog sobre a zanfona. Pero foi moito máis elocuente coa música que nos deixou entre os Pendellos que hai anos escoitaban os romances dos cegos.

O xornal dixital VIEIROS recolleu a noticia da Xuntanza nos Pendellos.
Blogueiros e amigos dos Pendellos participaron do animado e interesante coloquio blogueiro.
Momento no que Marcus (Marcus) diserta sobre a importancia actual dos blogs e a repercusión que tería este acto nos medios. Frente á prensa escrita, destacou que os blogs manteñen as noticias cunha permanencia da que carecen os outros medios. Tamén resaltou o valor que posúen como arquivo.
Cuco de Pambre (Julio) non posúe blog. É un lector con moita fidelidade a algúns dos blog que se sumaron á Xuntanza. Quixo asistir para coñecer a algúns blogueiros que le. A min sorpréndeme o seu encendido entusiasmo. Foi dos que mellor aproveitou a xornada. E con el viñan o seu fillo Daniel e Berta, compañeira de traballo.
Xosé Luís (Chousa da Alcandra) descubriu o misterio de quen era. Moitos blogueiros estaban intrigados por se era home ou muller. Era un misterio que el non se preocupou de aclarar. Tamén expresou o feliz que sentía entre blogueiros, aquí en Agolada. Lede a súa crónica.
Marisa (Cuspe de Pita) é a felicidade feita muller. Desde a Pobra do Burón (A Fonsagrada) acudiu coa súa familia e estivo ata oúltimo minuto. ¡Tan ben o pasaron!
Vázquez Pintor (sentado), Marcus de Melide, Cuco de Pambre, Berta e Daniel.
Daniel Sousa (As Beiras do Arnego) foi igual de expresivo
na súa intervención coma interpretando co clarinete (primeiro coa Charanga e á tardiña en solitario).
Momento no que intervén Ángel Utrera (Ao pé do Farelo). Explicou como se animou a empezar o seu blog que versa fundamentalmente sobre Agolada.
Vicente Montoto (Autoblografía) tivo unha intervención apaixoada e feliz. A súa aportación e a súa veteranía quedaron patentes.
Xosi (Xosimelide) no momento da súa intervención. Deixounos unha afervoada crónica con tintes literarios e loanzas múltiples na súa bitácora.
Luís Viñas (A porta verde do sétimo andar), membro da directiva de Amigos dos Pendellos, no momento de dirirxe ao público. A súa aposta polo futuro da internet e das posibilidades de comunicación deste medio foi un dos temas sobre os que disertou.
Tamén nos deixou un álbum con fotos da Xuntanza.
O escritor Xosé Vázquez Pintor, socio e "pai" de Amigos dos Pendellos, fiel lector de moitas bitácoras, diríxe aos blogueiros e recita un poema dedicado aos pendellos "Meus xoguetes interiores". A súa palabra autorizada engaiolou a boa parte do auditorio.
Momento no que blogueiros e acompañantes e dirixen ao restaurante para compartir un xantar de confraternidade, encabezados pola música de Bico da Balouta.
Na sobremesa, a maioría dos asisitentes, que non todos, fomos ao Sobreiral para camiñar á beira do Arnego e coñecer este fermoso bosque.
Prometeo nun dos seus momentos de sufrimento na subida que hai desde o muíño de Bértolo.

Foto do grupo que encabezaba a marcha. O segundo grupo uniríase minutos máis tarde. A sobreira centenaria serviunos de escenario.
Polos camiños do Sobreiral.
A expedición descende de novo ao punto de partida, agarimada por sobreiras e un sotobosque crecido coas abundantes chuvias de maio.
Alguén comentou ao ver as sobreiras de preto que agora entendía aquela expresión castelán que fala dos "cabeza de alcornoque". Polo retorcido das pólas e a dureza da madeira.
Marcial Barral, de Proxecto Ríos e da Defensa do Sobreiral, explica aos sendeiristas os proxectos de coidado do sobreiral e as calidades dete bosque propio de climas de influencia mediterránea.
Vázquez Pintor volve recitar un dos poemas do seu libro Banzados dedicado ás sobreiras.
De regreso aos Pendellos, desenrolouse unha velada vespertina, con participación dos blogueiros e a música de Maruxa e Marcos. Almudena e Blanca e a Zanfonista.
Maruxa de Fuxan os Ventos interpreta a Negra Sombra.


Durante a interpretación de Lela, acompañada ao piano por Marcos Fernández Varela.
Juanjo de 3Miniaturas actuou como contacontos.
Blanca Bello (violín) e Almudena Vidal (guitarra) interpretaron varias pezas a dúo coas dificultades que a brisa da tarde poñía para suxeitar as partituras.
¡GRAZAS A TODOS!
A maioría das fotos son da miña autoría. Pero para ilustrar algúns momentos do día tiven que recurrir aos álbums e blogs de varios compañeiros da Xuntanza.

19 comentarios:

  1. Unha aperta agarimosa desde o éxodo (que non exilio) en Barcelona a todos os que formaron parte directa e indirecta desta grande xuntanza, que cada vez vai tomando máis forma e contido para min, tanto polos entusiasmados comentarios dun pai moi cuco (son filla de pambre) como polas intensas crónicas que vou lendo nos blogs de persoas que xa fai meses comenzaron a formar parte da cotidianeidade das miñas conversas paterno-filiais ... nomes como chousa de alcandra, bagoas insomnes, as beiras do arnego,... e tantos outros que non so non me son extraños senón cada vez máis próximos.

    Persoas ás que lle gustan as persoas, sentimento profundo de amor pola terra, comunión coa natureza, a beleza do sinxelo, raíces, ilusión, complicidade, espacios compartidos, capacidade de sorpresa, vida ... todo isto é o que se respira aquí, o que se sinte, o que xermola... como adicta á intensidade que son, non podia pasar sen deixar unhas pequenas impresións, como contribución a este calorciño dos pendelleiros, como regalo a un pai entusiasta que sei que disfrutou esta xuntanza un 200%, cunha entrega e un "a flor de pel" que orgullosamente comprobo vos vai cautivando ós que compartides con el. Prometido que encamiñarei os meus esforzos para que o blog de Cuco de Pambre sexa unha realidade.

    Unha aperta ben forte.

    ResponderEliminar
  2. Ala!
    Vaia sorpresa!
    estaba xa estupefacta con esta crónica tan detallada que facía busto , cando de repente, ala!
    Me atopo ca filliña de Cuco de Pambre!
    Ola, son Palmira, ou mellor dito, Bágoas Insomnes, un pracer!
    Non sei se é o mismo, pero eu sei ben dese éxodo a Barcelona do que ti falas, pois pasei alí pouco máis dun ano, e alí trancurreu o primeiro ano do blo.

    Foi unha honra coñecer a ese Cuco de ollar vivo e sentimento agarimoso, unha delicia de verdade, eu voute pedir iso, o que tantos andamos a demandar!
    Blo de cuco xa!



    Para ti Manuel, que dicirte unha vez máis!
    Se os blos son coma os pendellos, que dicía juanjo,
    Manuel Busto é coma esa sobreira que nos acolle no seu brazo na foto, rotundo, sinceiro, agarimoso, cheo de sabedoría e bo facer.

    ResponderEliminar
  3. Aquí está ese Manolo !. Traes unha crónica extensa dese día que se vai alonxando no tempo pero que aínda sentimos.
    Eu son máis de darlle á técola que de falar e así esquecín darche as gracias a ti e aos organizadores e participantes do evento. Non sei, sentinme importante e querido.
    Tamén quero que me perdoes cando che respondín mal cando querías levar a Leo no colo no sobreiral, sentíame en débeda por todo o que fixestes e non quería engadir unha débeda máis.
    E máis nada, dicir que a xente de Agolada ten que estar orgullosa do seu patrimonio feito pedra e que debe conservalo para sempre. E ogallá chegue o ADSL a todo o rural para que artesáns da rede coma vós todos poidan dar a coñecer o muito e bó que ten a vosa terra.
    Unha aperta miña e da miña familia.

    ResponderEliminar
  4. Estupenda e completísima a reportaxe, Manuel :-)

    Eu non fai moito que souben do teu blog, pero cando fun á xuntanza xa me dixera un paxariño que eras "un tío estupendo", un namorado da túa terra, que pón moita paixón a todo o que se relaciona con ela, e non sei cantas fermosas cousas máis :-)

    Puiden comprobar que o paxariño tiña moita razón e que aínda se quedaba curto.

    Suscribo as palabras de Palmira sobre ti.

    Tiven unha compañeira monxa en Preescolar na Casa, María, que dicía referíndose aos conventos da súa orde : na Coruña teño casa, tamén teño casa en...
    Pois ti "tes casa" na Fonsagrada para cando queiras vir :-))

    Foi unha ledicia coñecerte e escoitarte.

    E non é que eu sexa a felicidade feita muller, non, a vida trouxome algunhas tristuras que non se van, e non sempre teño ese sorriso. É que alí, con todos vós, o sábado, sentíame moi feliz.

    E agora aproveito para mandarlle un saúdo aquí, porque sei que aquí o ven ler, á filla de Cuco de Pambre, e a el e os seus acompañantes na Xuntanza. Del sabía xa tamén (anque non teña blog) e o seu foi un dos primeiros saúdos que recibín cando cheguei.
    Do mesmo xeito que houbo quen tiña unha idea equivocada de Chousa, eu imaxinaba ao Cuco máis vello, máis baixo, con pelo branco e bigote :-)) así que levei unha boa sorpresa porque aínda é un rapaz, pásame unha cachola, aínda non ten o pelo branco (vai en camiño)e non ten bigote :-)
    Ademáis descubrimos que temos amizades en común,( que xa manda chover !) así que agardo que tamén se decida a visitar as terras de Burón non tardando moito.
    Dígolle o mesmo que a Manuel: El e os seus teñen casa aquí.

    Ahhh, Manuel, e outra vez moitas gracias por todo o traballo que levastes para organizar tan ben todo.

    ResponderEliminar
  5. Gracias por esta descipci´ço do dia da Xuntanza, foi unha pena non poder ir. Apertas pra todos

    ResponderEliminar
  6. Pois eu digoche como Palmira, e Marisa, ...para mi foi un pracer e unha fermosa descuberta coñecer a Cuco do ambre, a pesarem de que o primeiro encontro no Banco, non resultou nada ben....cousas do estress..
    Esperamos sabes mais de ti, de teu pai xa me encargo eu en Santiago par airlo animando a facer o blog,
    Un bico

    ResponderEliminar
  7. Boeno pois vexo con ledicia que o Cuco vai ter que facer o seu niño xa. Estaremos atentos.

    Unha aperta dende a Chousa!

    ResponderEliminar
  8. Goretti: O labor de apostolado dos blogs que está a facer teu pai é realmente asombroso. Xa chega a Barcelona e volve co recado.
    Coincido con todos os visitantes desta entrada en afirmar que este Cuco ten que facer niño virtual, a pesar de que os cucos nunca fan niño, poñen os ovos en niños alleos.
    Pero tamén me atrevo a dicir que a Goretti escribe cun estilo claro e definido e paréceme que ten moito que contar nun blog. Ánimo para os dous.
    Quero agradecervos a todos tantas expresións de afecto e os ofrecementos como os de Marisa (Cuspedepita)desde as terras de Burón e Palmira desde o Ribeiro.
    O ánimo de Ángel e Chousa, as apertas salgadas que veñen desde o Roncudo (Suso Lista).
    Paideleo, non hai nada que desculpar. Sentín non darche unha aperta de despedida e un biquiño para o Leíño. Había moitas cousas que atender e non se dá abasto a tanta despedida.
    Velaí para que serve Internet cando se usa con sentidiño: darnos a oportunidade de comunicarnos neste mundo de tanta tecnoloxía e que favorece menos a comunicación física que a virtual.
    Apertas para todos.

    ResponderEliminar
  9. E Busto ten a necesidade de dar as grazas?, pero se iso foi o único que atinei a dicir eu o día da XUNTANZA, palabra coa que continuo na cabeza unha semana despois.
    No meu caso pódese falar do "milagre dos pendellos", o "milagre de Agolada" ou do "milagre da Xuntanza", se temos en conta que este é o segundo comentario que deixo nunha semana, e o terceiro nos meus seis meses de lectura de blogs, e aproveitando o atrevemento dicirche Busto que foi unha honra coñecerche persoalmente despois de que CUCO DE PAMBRE contárame tantas e tantas anecdotas e comentarios de ti, el ponlle emoción e agarimo a moitas das súas experiencias, pero creo que contigo non esaxerou nada, es unha persoa especial e alégrome de non perder a oportunidade de coñecerche persoalmente.
    Como o meu arroubo non creo que me leve a escribir noutros blogs, dicirlle desde aquí a CUSPEDEPITA, que se o teu sorriso chegou a impresionar a todos, o primeiro saúdo da mañá do teu marido e filla a min persoalmente tamén me deixa moi bo recordo. Que saibas que co comentario da idade de Cuco, ganas un amigo para toda a vida.
    CHOUSA DE ALCANDRA, eu si che imaxinaba tal como es, "boa xente".
    BAGOAS INSONMES, como lectora asidua da teu blog dicirche que me encantou coñecerche, sinto non ser moi boa conversadora durante a comida, pero que saibas que non me perdo nin un só dos teus “insomnios” e que me sorprendes sempre coas túas fotografías.
    Á mocidade más nova –mozos eramos todos-, D'AGOLADA, AS BEIRAS DO ARNEGO, COUSAS DE MIN e A ZANFONISTA que envexa …., e non cambiedes.
    A todos os BLOGUEIROS, GRAZAS por acoller a unha "intrusa" que estaba desexando coñecervos. Unha aperta

    ResponderEliminar
  10. Dou fe do milagre .....e seguro que de seguir asi as cousas os "Pendellos de Agolada" serán pronto santuario de gran sona.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  11. A verdade é que o pasamos moi ben. Un saúdo

    ResponderEliminar
  12. Que ben o pasamos. A min encantoume coñecer a todos os blogueirows. Ahh agora entendo porque dixeras que esta entrada era longa. Puff debiches pasar mais tempo. Bicos.

    ResponderEliminar
  13. Ola Manuel. ¿Ti lembras como se chama a páxina do blogueiro que nos contou a súa experiencia coa escrita dun texto teatral interectivado cos lectores? Non o dou atopado. Esta memoria de vello traicióame, que se lle vai facer.
    Un saúdo intenso.
    Vicente

    ResponderEliminar
  14. Berta: Alédame que alomenos ti xa tiveras atino na idea do autor da Chousa da Alcandra, xa que ainda hoxe non sei moi ben cal sería o calificativo que me tiña prefixado o Cuco.
    Será todo un pracer que -ainda que sexa sen arroubo- me visites pola Chousa...

    Saúdos e apertas para todos novamente.

    ResponderEliminar
  15. Respondo a Vicente Montoto:
    A páxina pola que me pregunta é a do meu compañeiro Juanjo García Rodicio e o enderezo do blog é
    http://blogoteca.com/3miniaturas/
    Un saúdo moi cordial e que sigan a tecerse lazos de intercomunicación entre os blogueiros que compartimos esa alegre xornada en Agolada.

    ResponderEliminar
  16. Amigo Manuel, el tiempo aleja lo que la memoria se niega a poner en segundo plano. Más, cuando se leen crónicas como la tuya. El amor que tanto nos atribula tiene curiosas formas de manifestarse. De todas estas manifestaciones, la vuestra, merece el mayor de mis respetos y el mayor de mis halagos. El amor por vuestra tierra, verdeoscura, honda, aromática, luminosa. El amor por vuestra historia y por vuestro legado, con forma de pendello. Usted lo dijo, Don Manuel, "o noso orgullo". Si yo fuera tierra, sería sublime tener a gente como vosotros como hijos. Que suerte tienen tus alumnos, amigo. Que lástima no haber nacido en otro tiempo, en otro lugar, solo para dejarme empapar de tu sabiduría. De ese amor que derrochas.
    En fin, un placer conocerte. Desde ese día, os Pendellos de Agolada cuentan con un amigo más. Sabes lo que soy, a que me dedico, y quiero que sepas que sería un autentico honor para mí poder ayudaros con lo que fuese.
    También lo dijiste tú. La Xuntanza no ha hecho más que comenzar.

    ResponderEliminar
  17. Xa lera alguns post da xuntanza a carón dos pendellos, pero ningunha tan completiña coma esta. Gracias a tí podo porlle cara a moitos de vos, e agora vou rexoubar por entre a morea de enlaces que deixaches, algúns deles que non vira antes nunca.
    Terei que tomarme o meu tempo, que a cousa mereceo.
    Téñome alegrado ben de un dia descubrir o teu blog de casualidade, xa que poriba, a traveso de él, cheguei a outros blogueiros que tamen me gusta ler. Isto é coma a vida: unha cadea.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  18. Que emotivo y bonito poneros caras a mucha gente que os sigo. Besos para todas y todos vosotros

    ResponderEliminar