15 de setembro de 2008

811. UN PAÍS CENTRADO

A procura do centro xeográfico dun país poida que que non sirva para moito, pero coñecelo tampouco é materia que estorbe. E segundo as medicións máis recentes e máis autorizadas dito centro está na aldea de Nugallás, parroquia de Arcos (Antas de Ulla). Velaí na foto, pequeniña, coas casas que se estiran a carón da estradiña que sobe desde Antas cara a Santa Cristina de Areas. Só dúas casas labregas de rexa e pétrea estrutura, asentadas nunha suave pendente. A súa ubicación a unha altitude de 650 m. sobre o nivel do mar convértea nunha atalaia que sobrancea as terras da alta Ulloa e sente de preto o abeiro do Farelo polo suroeste.
Curiosa toponimia a deste lugar central: NUGALLÁS. Para non arriscarse, mellor será fuxir dunha apurada e simplista interpretación etimolóxica. Se entre os lectores hai algún versado na materia, que deixe a súa aportación.
Onte lía na prensa os perigos que ameazan á mellor fraga de Galicia, a do Eume. Unha das ameazas máis evidentes parece ser a colonización e invasión natural do eucalipto. Por iso, desde aquí, desde o centro medular desta foto, que é tanto como dicir de Galicia, renego do eucalipto por soberbio e alóctono e reivindico a presenza maxestosa e simbólica do carballo, concebido e deseñado pola Nai Natureza para tapizar a epiderme deste noso país de suaves e perennes ondulacións. Nugallás é o centro e o carballo é o miolo do centro, o cerne, o eixe sobre o que pivota este país, que xa se sabe centrado nas equidistancias e nas xeografías.
O núcleo do país sempre foi disputado por varias localidades próximas: Melide, Chantada, Monterroso, Rodeiro, Agolada, Lalín (que se autotitula Km 0). A min gústame que o centro sexa este e que estea aquí, así humilde, pequeniño, onde é fácil atopar a esencia do que foi este país durante milenios, onde os bosques orgullecen de amosar carballos e bidueiros; un centro que xermolou mirando aos castros de Lebesende, Outeiro e A Somoza e que asinou a súa acta de identidade nos petroglifos de Bellós e a Ermide.
Este lugar "perténceme" por dereito despois de telo conquistado varias veces esgrimindo a suor a pedaladas. E práceme compartilo convosco, verdade amigo Chousa!

7 comentarios:

  1. Que unha aldea pequena e un carballo sexan o centro de Galicia paréceme caralludo.

    ResponderEliminar
  2. eu son de chantada e sóname esa polémica do centro ou corazón de galicia. eu penso que galicia ten o centro no corazón de cada un de nós sen espacio físico, mais eu tamén coma ti busco e ás veces atopo iconos xeográficos que simulan o corazón do galego que comparto coma ti compartes con nós o teu sentimento.
    saúdos

    ResponderEliminar
  3. E despois da fermosa semántica que nos agasallas...como vou ousar dicir que non che pertence, amigo Busto!!.
    E so engadir un detalle máis o teu atinado comentario. Ben pertiño do carballo, e na misma man ca este, érguese señorial o hórreo da "casa de Xan". Catro claros ergueitos sobre cepa de mampostería que se elevan cara o ceo sobre cinco muretes de sillería. Doelas de madeira nos costais e sillería de pedra do Farelo nos costais. Cuberto con tella do país e coroado por un lampeón cónico e cruz latina lanceolada en cada unha das sobrepenas.
    Non te esquezas miralo a próxima vez que coroes Nugallás (que, dito sexa de camiño, son xente traballadora e nada perguiceiros ;-))

    ResponderEliminar
  4. Moi atinada a anotación. En canto á orixe do topónimo, quizais teña algo que ver con noces e nogueiras, non sei.

    ResponderEliminar
  5. Este comentario foi eliminado por un administrador do blog.

    ResponderEliminar
  6. Fermoso centro de Galicia. Anque quizáis estaría millor se tivese porto de mar para representar a Galicia mariñeira.
    A ver se recobro o ritmo do meu blogo para a semana que vén, despóis da vendima.
    Gustoume o posteo sobre os canastros emparedados de hai uns días.

    ResponderEliminar
  7. moi emotiva esta entrada. conmoveume.
    identifícome coa paisaxe da foto, porque eu tamén nacín no interior.
    (nun lugariño roubado ó monte a golpe de sacha dunha parroquia pequena e esquecida do concello de Silleda, que se chama O Portiño -e non o comprendo porque alí non hai rio, nin moito menos mar)

    ResponderEliminar