2 de outubro de 2008

CISTA DO COTEIMIL

Creo que foi no ano 1965 ou quizais no 1966 cando Arturo Torreira, veciño de As Trabancas, comezara a roturación dunha finca de monte no lugar coñecido como Alto de Corres, a un quilómetro de Agolada subindo pola estrada que conduce a Lugo. O arado do tractor levantou unha lousa e deixou ao descuberto unha arquiña de pouco máis dun metro de longo. Cun ancho próximo aos 80 cms e unha profundidade superior ao medio metro. Tratábase dunha cista, forma de enterramento da Idade do Bronce. Este tipo de enterramentos supuxeron un importante cambio coa época do Neolítico (enterramentos colectivos en mámoas). As cistas eran sartegos individuais que reflicten un novo concepto de sociedade máis xerarquizada na que probablemente se valorase máis o prestixio social .
Aquel ano eu estudaba na escola de D. Ulrico Sarandeses, quen nos levou a ver a cista despois de que os arqueólogos do Museo de Pontevedra a estudasen e recollesen o enxoval. O imaxinario popular, sempre con tendencia á fabulación, especulou coa aparición dun importante tesouro na devandita cista que explicaría a posterior puxanza económica do propietario da finca. Segundo a bibliografía que puiden consultar só se encontrou un vaso cerámico hemiesférico, trípede, co bordo voado, hoxe perdido.
Daquela visita infantil extraín a conclusión de que os homes primitivos debían de ser moi pequeniños a xulgar pola lonxitude da cista. Nada sabía eu, nin me explicaran que nestas tumbas enterraban os cadáveres en posición fetal.
A imaxe de arriba recolle unha das lousas da cista (gardada no Museo de Pontevedra), que presenta as inscricións con gravados en forma de varias liñas paralelas , con zigzags de formas que lembran as raspas dos peixes, triángulos enfrontados, reticulados e círculos. Semellan unha herdanza do mundo megalítico que quizais se alongou ata o Bronce debido ao seu forte carácter simbólico.
No Museo de Pontevedra amósase co nome de Cista do Coteimil. Quizais fose máis exacto chamarlle Cista do Alto de Corres, lugar non moi alonxado do Coteimil, pero que os de Agolada diferenciamos ben.

5 comentarios:

  1. Fabulosa a viaxe a tan remotos tempos que hoxe propós. Deixeime engullir polo relato, e non me costou nada imaxinar o teu veciño baixandose do tractor e preguntandose que carallo sería aquela lousa grabada.
    Resúltame curioso a posición dos antergos nos enterramentos. A posicón fetal é, sen dúbida, unha posición moito más natural que a estirada rixided con que se enterra hoxe en día os nosos difuntos, non crees?
    Unha aperta forte.

    ResponderEliminar
  2. Moi interesante, xa me gustaría atopar a min unha de esas. Bicos.

    ResponderEliminar
  3. E terá algo que ver esto que contas con unhas historias que eu teño escoitado de un chamado "o Conde de Corres"?

    ResponderEliminar
  4. xa estoy aqui, cantas cousas teño por ler

    ResponderEliminar
  5. Interesante puntualización, quizais deberías comunicárllelo aos responsables do museo.
    Por certo, tes unha encarga no meu blog.
    Un saúdo.

    ResponderEliminar