11 de outubro de 2008

819. TELECLUB DE VAL DE SANGORZA

Isto da informática témolo cualificado repetidas veces como unha verdadeira revolución. Vivimos un momento no que a información nos desborda e debemos ser moi selectivos para depurar o que nos interesa e prescindir do que non merece a pena. As imaxes, fotografías, vídeos, etc. cobran un poder absoluto, ás veces como feitos noticiables e outras porque rescatan do esquecemento arquivos que permanecían ocultos en caixóns de particulares. Agora expoñémolos na fiestra máxica de Internet e voan polo mundo nunha danza de bites que vai pousando na bufardiña TFT de quen os procura. E con eles reconstruímos un pasado que xa empeza a ser historia.
Esta entrada ten como protagonistas as dúas fotos, escaneadas directamente dun negativo que xacía ignorado e arrecantado. Se algún día tiven as fotos en papel, hai xa moitos anos que as perdín. Na foto superior aparecen os membros do equipo de fútbol que organizara D. Manuel Guerreiro, párroco de Val de Sangorza, que aparece de pé con xersei gris. Na de abaixo catro dos meus amigos (Xosé Ramón, Nilo, Álvaro e Ramiro) locen con orgullo a equipación branquiazul no campo de fútbol practicado no monte da Serra de Agra.
A vida do concello xirou naqueles primeiros anos 70 arredor da parroquia de Val porque o crego actuaba como verdadeiro catalizador dos anceios da xuventude e das iniciativas da parroquia. Todos soubemos das súas múltiples xestións diante da administración e da Fundación Barrié e dos numerosos froitos obtidos daquel traballo. Os veciños de Val crían nel e deixáronse guiar. Velaí o mérito dun traballo altruísta e dunha veciñanza comprometida e unida. Exemplo a imitar.

13 comentarios:

  1. Que lonxe se ve agora cando falamos dos "teleclubes". Cumpliron unha función moi cortiña no tempo, xa que o progreso superou axiña a función inicial para a que foron pensados.
    En Antas houbo ideas varias para tentar recuperalos dándolles novas utilidades, pero a maioría están moi deteriorados e, somente algúns serven como local para as mesas electorais ou para contadas xuntanzas de veciños.

    ResponderEliminar
  2. E saes ti na foto de arriba ?.
    A min encántame o mundo dixital e isto de fusilar fotos antigas é unha marabilla.
    Un saúdo.

    ResponderEliminar
  3. Paideleo, non, eu non saio na foto. Eu era o da cámara fotográfica, a miña primeira cámara, unha elemental Werlisa. Os que saen nela eran case todos amigos meus e eu seguíaos alí onde ían para animar, pois xogar ao fútbol nunca se me deu.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  4. Eu tamén penso que as imaxes son moi importantes para sacar do esquecemento persoas e valores da nosa historia.

    Unha aperta.

    Antón.

    ResponderEliminar
  5. Estades todos moi graciosos.
    Un bico e unha aperta da túa filla.

    ResponderEliminar
  6. E moi posible enton que coñezas a Antonio Val o agora presidente do Centro Cultural Lucerna (O antiguo Teleclub), xa que el tamen xogou naquel equipo de Futbol que dirixia D. Manuel. Hay uns anos organizou unha homenaxe a D. Manuel e xuntou nun partido e nunha cena a aqueles rapaces que xogaban no campo da Serra. Encantarianos ter esas fotos para o archivo do Centro Cultural, ¿podrias enviarmas por mail?

    Saudos

    Susi
    Val de Sangorza

    ResponderEliminar
  7. Susi de Val, non me lembro de teu pai polo nome pero tiven que coñecelo. Aédame saber de vós na distancia. Déixame o e-mail e mándovos as fotos. Un saúdo.

    ResponderEliminar
  8. Gracias Busto, o meu mail e mj.otero@hotmail.com

    ResponderEliminar
  9. Manolo,teño que decirche que o da foto non e Manix,pois son Eu, o Nilo;porque El non xogou no Bancobao,o equipo de Val.Teño algunhas dos tempos de xogador e quero deixarchas.Unha aperta

    ResponderEliminar
  10. Ola. E como é o de escaner un negativo. Basta escanealo para recuperar as fotos ou hai que tratalas logo con algún programa?. Podo facelo eu rudimentariamente ou ten que ser un profesional da cousa?. Interesame moito. Eu herdei moitos negativos pero moi pouca cousa en papel.

    Crema.

    ResponderEliminar
  11. Respóndolle a Crema polo interese que ten en saber como se dixitaliza un negativo. É preciso ter un escáner que teña o acesorio para escanear negativos e diapositivas. No meu caso é un HP con ese dispositivo, nada caro 60 - 70 € ou menos. E despois ter un simple programa de retoque fotográfico que permita positivar. Eu emprego o Adobe Photo-Deluxe, que viña co escáner.
    Nada máis sinxelo.
    Un saúdo.

    ResponderEliminar