14 de outubro de 2008

820. O PETO DE FUNSÍN

O Taller do Peto é un canto de esperanza e unha testemuña de resistencia nunha terra que sofre longamente o despoboamento e o abandono.
En Funsín (Antas de Ulla), sorprendeume desde a primeira vez que visitei o lugar, a casa que preside a aldea desde a cima. A principios do pasado verán puiden satisfacer a miña curiosidade e coñecer ao seu propietario, saber do seu oficio orixinal e artístico e descubrir os segredos da casa.
Jorge López Penoucos, formado na Escola de Artes e Oficios da Deputación de Lugo, é un carpinteiro singular, de obra selecta, rústica e funcional. Reconverte as madeiras da ruína (trabes, pontóns, portas, apeiros e trebellos de labranza...) para darlles unha segunda vida edulcorada nas formas e texturas, presentadas coa nobreza dos vernices para teren un destino máis refinado.
Jorge encontrou na pasada década esta casa labrega abandonada, co hórreo xa vendido e emigrado. O bosque envolvía as pedras e o lugar era ameno e tranquilo. Apostou por fundar aquí o seu fogar e o seu taller, mergullados na paz das árbores e no silencio dos camiños baleiros.
El di ser feliz e contempla orgulloso o resultado da súa obra case rematada. Falamos do feísmo e a carencia estendida do gusto polas restauracións respectuosas, que non fidedignas.
Faleille de que compría moita pedagoxía para ilustrar á xente nestes mesteres. El retrucoume argumentando que a pedagoxía había que exercela desde arriba, comezando pola clase política. Terminei por darlle a razón.
Falamos de carpintería, das formas, dos resultados, da rendibilidade do oficio, do feito de illarse nunha aldea onde apenas queda xente, da educación dos fillos, das dificultades para socializarse con outros rapaces... El encontroulle solución a todas as dificultades, iso si, recorrendo a coller o coche con frecuencia, a invitar a miúdo a familiares e amigos na súa casa ou á inversa...
Déixovos imaxes de moitas partes da súa casa que falan elocuentemente do excelente labor de restauración e da orixinalidade de moitos elementos con que ennobreceu o edificio.
(Interior da porta principal da casa).
Varanda de pezas de madeira no sobrado que ten no salón de estar.
Berce que aproveita na cabeceira unha roda de carro.
Vista xeral da vivenda desde a cancela de acceso ao taller e garaxe. Nas madeiras centrais incrustou bloques macizos de cristais con color.
Nas imaxes anterior e posterior o antes e o agora do mesmo balcón.

Vista xeral do patio dianteiro da vivenda. Ao fondo, o garaxe.
Porta principal e cancela de acceso á vivenda.
Jorge López Penoucos elixiu o nome de Taller do Peto atendendo á polisemia da palabra: Peto coma o paxaro carpinteiro (Dendrocopus major) porque ambos tallan a madeira e tamén pola forma verbal do verbo petar, acción que el repite a cotío.
Un lugar con encanto, sen dúbidas e un perfecto paradigma de como se pode sobrevivir no rural aínda remando contra os designios.
Jorge é un compendio de afabilidade demostrada malia a dor de moas que tiña aquel día. Desde aquí, o meu agradecemento e saúdo renovado.

11 comentarios:

  1. Deixasme ca boca aberta. Ese home é un gran artista. Flipo de ver o que fai. Gustaríame visitalo. Saúdos

    ResponderEliminar
  2. Concordo con Suso. A casa do Peto é toda unha mostra de orixinalidade e bo labor.
    Na Fonsagrada temos tamén un home, Laureano Rego, que fai marabillas coa madeira, anque comezou a tallar cando se retirou.

    ResponderEliminar
  3. este tio e un autentico artista, digno de imitar ¡¡haber quen se atreve!!

    ResponderEliminar
  4. Meu pai e meu avó tamén lle daban a carpintería: facían aparellos de labranza, zocos, mesas. Pero nada comparado con eses ramalazos artísticos que nos amosas. Puro e fermoso arte.
    Deixeiche un encargo no meu blog, por si che apetece.
    Apertas.

    ResponderEliminar
  5. Sempre envexei á xente que sabe traballar coas mans e crear obras de arte.
    Saber esa arte e vivir unha vida entregada á tranquilidade ten muito mérito.

    ResponderEliminar
  6. Quedei maravillada do traballo e a constancia deste home,a porta por dentro é preciosa recórdame non sei a Gaudí polas súas formas redondeadas,a porta da cancela con cores de vidro,felicita a ese home da miña parte e gracias por presentarnolo....
    saúdos.

    ResponderEliminar
  7. A combinación dunha madeira amorosamente traballada, que novamente se viste de gala, mistúrase nas pedras que cobran así máis vida.
    Un artista que elexiu Antas para asentar e amosar a sua creación.

    ResponderEliminar
  8. É un verdadeiro artista. Claro que escolle un lugar ben tranquilo. Explicáchelo todo moi detallado. Bicos.

    ResponderEliminar
  9. Un fenómeno este home, non só nas súas habilidades senón tamén nos seus gustos. Outra vez un fermoso post.
    Un saúdo.

    ResponderEliminar
  10. essa porta é uma maravilha! e o que se pode fazer com uma roda de carro! impresionante.
    beijos

    ResponderEliminar
  11. Incrible o estilo. Ten un aire dos Picapedra -e dígoo en sentido moi positivo-. Boa combinación de orixinalidade e bo gusto.

    ResponderEliminar