31 de outubro de 2008

823. AS PARROQUIAS DE AGOLADA

Velaquí un mapa de Agolada coa división parroquial (o último elo da cadea administrativa). Presenta o interese de vermos que Borraxeiros, Ventosa e Ferreiroa son as de maior extensión e poboación e o diminuto tamaño de Bais, Sesto, Basadre e O Seixo. Outra curiosidade xeográfica é comprobar que o vértice onde se xuntan as parroquias de Carmoega, Brántega, Órrea e Santa Comba sexa o cumio de Pena Maior, xa citado abundantemente en anteriores entradas deste blog.
Tamén nos pode servir para coñecermos as parroquias ribeireñas do Ulla e o Arnego. No me caso, aprendín que Esperante chega ata o Arnego e que Artoño tamén é ribeireña do Ulla. Brocos é a parroquia nai dos dous ríos, onde se dan unha aperta mollada no gran corgo remansado.
Igualmente, queda constancia dos concellos limítrofes, situados nas tres provincias: Lalín, Vila de Cruces (oeste) e Rodeiro (sur) da propia Pontevedra; Antas de Ulla e Palas de Rei polo leste e norleste, de Lugo e Santiso ao norte, de A Coruña (e non La Coruña como di Paco Vázquez "o empecinado").
Outro motivo de atención debémosllo dedicar á corecta grafía dos topónimos das parroquias. Precisamente hoxe consultando o Google Earth comprobei con tristeza como varios topónimos estaban mal recollidos (Vidueiros no canto Bidueiros, A Laxe no canto de Laxe, Agiaz en lugar de Axiaz, etc.) Preservar e procurar a autencidade toponímica (etimolóxica e ortográfica) é outro síntoma de sensibilidade cultural que debemos respectar todos, administracións, organismos privados e particulares.
P.S. No comentario nº 3 desta entrada, Igrexas apúntame o enderezo de onde está recollido o mapa. Hai xa bastante tempo que dei co mapa en Internet, gardeino na carpeta de Imaxes e non tomei nota da fonte. No comentario indícase o enderezo, na wikipedia: http://gl.wikipedia.org/wiki/Imaxe:Parroquias_de_Agolada.png
De todos xeitos este mapa ten un retoque persoal nun topónimo. Corrixín O Seixo no canto de O Sexo. É unha das miñas teimas da que espero que algún día a Comisión de Toponimia da Xunta teña a ben investigar.

7 comentarios:

  1. E logo a parroquia de Agolada non existe como tal?. Polo que vexo no mapa debe pertencer a de As Trabancas ou a Ferreiroa.
    E, se temos en conta que o actual cura de Borraxeiros tamén é o de Cutián e se non me engaño tamén Facha (en Antas), penso que debe ter un dos "curatos" máis extensos en territorio de toda a diócese do noso Bispo Alfonso. E digo territorio, xa que poboacionalmente non sei como anda Borraxeiros, pero as duas citadas deste concello ben lles compre...

    ResponderEliminar
  2. Chousa, Agolada non é parroquia, pertence a Ferreiroa. Agolada é unha vila moi recente, en 1845 só contaba con nove casas e 45 almas segundo recolle Pascual Madoz no seu Dicionario Xeográfico e Estatístico. Ferreiroa xa era un enclave habitado na época romana e contaba cunha ferrería que lle deu o nome á aldea. Esta parroquia componse de cinco núcleos de poboación: Ferreiroa, A Costa, Bidueiros, O Pontillón e Agolada. Moi pronto terán que recoller tamén o núcleo de Fonte de Cántaras na estrada de Melide, onde fixeron 18 vivendas sociais á beira doutras cinco existentes con anterioridade.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  3. Creo que o correcto sería citar a fonte de onde tirou o mapa: Procede da Galipedia

    http://gl.wikipedia.org/wiki/Imaxe:Parroquias_de_Agolada.png

    Un saúdo,

    ResponderEliminar
  4. Os concellos con muitas parroquias sempre me pareceron concellos cunha historia ben rica. Aparte hai nomes de parroquia ben xeitosos como Eidián, Basadre, Merlín, Brántega ou Brocos.
    A ver se consegues que repoñan o nome de O Seixo.

    ResponderEliminar
  5. Busto, este mapa non che é moi de fiar. Esperante, ou moi confundido estou eu ou non chega ao Arnego. Procuraches localizar a Ponte Vilariño? Queda xustamente no suroeste da parroquia de Ferreiroa segundo ese mapa parroquial. E a Ferreiroa se fose pequena podíamoslle prestar un anaquiño do noso, que nós somos dados, pero... ollo! o puticlub non se toca, que para algo é o noso monumento máis internacional. Botados a perder o convento de San Sadurniño e a ponte románica, que nos queda? Coma para botarse a regalar!
    Este mapa dáme a min que está ben se un non se fixa máis da conta.
    Un saúdo
    Antón Torreiro

    ResponderEliminar
  6. Pois si que é ben grande o concello de Agolada. Eu xa coñecía a maioría de sas parroquias... de escotalas... Bicos.

    ResponderEliminar