16 de novembro de 2008

HÓRREOS CON CORREDOR

Galicia é a terra dos cen mil hórreos, polo menos, como tamén é a terra dos dez mil ríos. E os hórreos singularizan a nosa arquitectura popular, poñen a distinción e as feituras ao sevizo da estética e da funcionalidade. Quitádelle os hórreos ás aldeas e será como se lle quitásedes o sal ás comidas. Da súa fermosa arquitectura saben aqueles que os colocan como elementos decorativos nos xardíns dos pazos e chalés, nos xardíns dalgunhas empresas ou centros comerciais...
Hai hórreos que se destacan dos demais polo seu tamaño, outros pola súa riqueza ornamental, algúns pola elaborada aquitectura.
Os tres que vos presento nesta entrada posúen un elemento que actúa como denominador común e que os diferencia do común: o corredor.
O da foto superior encóntrase na aldea de Peibás (Antas de Ulla), posúe un corredor porticado sobre catro columnas pétreas coroadas por un disco granítico que actúa a xeito de capitel-tornarratos. O corredor protexe ao hórreo das ventiscas e chuvieiras dos suroeste e serve de tendedeiro para a roupa.
A casa do taberneiro de Arxona (Monterroso) conta cun exemplar de hórreo, da mellor arquitectura. É un hórreo mixto de granito, corredor polo sur, sobre columnas biseladas na metade superior e ventá sobre o camiño. Tres pináculos, en cadanseu frontón, concédenlle un aire de excelencia inusual.
O hórreo aséntase nunha plataforma elevada que deixa por debaixo unha portada con arco de medio punto para comunicar o patio dianteiro (na foto pequena) da casa coa eira.
Un terceiro hórreo con corredor ao norte encontreino na casa do Cabo (por ser a última da aldea, ou foino en tempos), en Cadrón (Lalín). O corredor sérvelles de acceso ao hórreo e tamén para secar as cebolas e as cabazas. O ciprés do fondo axuda a completar unha estampa fermosa e singular.

4 comentarios:

  1. Efectivamente o hórreo da casa de Roque de Peibás (Antas de Ulla) é un dos máis chamativos precisamente por esa doble anchura do zócalo que acaba en voladizo cuberto.
    Data esta peza do ano 1908 e foi construido polos Irmáns Angel e José Vázquez Pallares, tal e como reza na inscripción que ostenta nun dos penais.

    Hai outro no concello de Antas con certa similitude e digno tamén de ser visto: o da casa do Fogueteiro de Suar
    Unha aperta

    ResponderEliminar
  2. Si, está ben o de pórlle un corredor aos hórreos. Se quero facer un hórreo o día de mañá xa sei como facelo. Bicos.

    ResponderEliminar
  3. Ola, por fin decidinme a comentar algo. Estes hórreos ou canastros como lle chamamos na nosa zona, son verdadeiramente fermosos e útiles, menos mal que agora téntase recuperar estas obras, porque algúns xa están medio derruidos.

    Unha boa idea, plasmar en fotos o que nos queda. Algo diso teño feito no meu blog, fáltanme os canastros, copiareite.

    Un saúdo, dende Areas, Ponteareas, onde temos un barrio chamado Agualevada, ou Jolvada como dín os veciños.

    ResponderEliminar
  4. Os canastros máis feos tiñan que ser coma eses.

    ResponderEliminar