30 de xaneiro de 2009

O FARELO E O PICO SACRO NA METEOROLOXÍA E NO FOLCLORE

Os montes simbolizan e definen un territorio. Os seus perfís van impresos nas retinas de quen se criou vendo nacer os soles tras os seus cumios. Intuímos o seu pasado mítico e sabemos dos nosos ancestros que os sacralizaron en rituais profanos e antigos. Adiviñamos a historia que os converteu en atalaias estratéxicas desde as que vixiar e controlar amplas áreas da contorna. Farelo é diminutivo de Faro, facho que alumeaba na noite e centro de sinais luminosos de ignoto código. A Torrenova e a Torrevella testemuñan ese pasado de fortalezas ubicadas nos seus lombos, torres vixía de extensos horizontes.
Para o común do pobo, a montaña fareira é un referente meteorolóxico e acuñou refráns que aluden á presenza de chuvias en canto unha nube pousa sobre o seu cumio:
Pon o pucho o Farelo, auga no eido.
Carapucho no Farelo, auga no pelo.
Cando o Farelo comeza a taparse, auga de sobra para lavarse. (Garea, O Correo Gallego, 22/10/2000).
Os cumes dos montes e lugares elevados ao cubrírense de nubes antes que os territorios da súa contorna, serven como guías do tempo, ao predeciren as chuvias, que caen nestes lugares antes e con máis abundancia que nos seus territorios circundantes. Un destes montes é o Pico Sacro próximo a Santiago, lugar onde descargan todas as tormentas que se producen nesa zona, circunstancia que recolle a paremioloxía popular en forma de refrán. A este respecto, Carré Aldao escribe referíndose a este singular monte "nótase a veces el curioso contraste de observar desde lo alto como en una parte determinada del paisaje descargan las tormentas sus obscuras nubes, mientras al lado opuesto brilla y baña el sol con sus rayos el terreno... La naturaleza del suelo es el cuarzo medio cristalizado y enteramente blanco. El monte destaca entre otros que son de gneis micáceo, de granito y de anfibolita. Se observa que las descargas eléctricas en esta comarca tienen como centro magnético el Pico Sacro en toda su línea de cuarzo que va a perderse hacia el Corpiño, originándose y terminando allí los trastornos atmosféricos. De ahí el proverbio: Cando o Pico Sacro cobre o seu capelo/meniñas da Ulla cubride o mantelo "(Carré, 1980, (reed.), Geografía General... t. 7: 1057-1058).
Outro monte galego onde se produce o mesmo e rechamante fenómeno meteorolóxico é o do monte Farelo, lugar no que, segundo Fernando Garea, "se forman gran parte das tormentas da zona". (Fernando Cabeza Quiles, Toponimia de Galicia, 2008).
Ambos os dous montes, Pico Sacro e Farelo, xunto ao Bocelo e o Faro aparecen tamén na célebre máxima popular que pretende definir os límites da Galicia central:
Faro, Farelo, Pico Sacro e o Bocelo.
Unha segunda versión acuñada en Agolada reza así:
Faro, Farelo, Pico Sacro e o Bocelo. E o castro Marcelín titiritando no medio.
O folclore, sempre rico e sorpendente, recolle igualmente a tradición das romarías, no caso do Farelo, da que se celebrou no seu curuto en honra a san Silvestre no derradeiro día do ano. Alí, a carón do Currodeguas, houbo ata finais do século XIX unha ermida erguida en honra do santo. Unha moza que fora en romaxe á capeliña do santo voltaba lamentando a perda dunha cinta para o cabelo:
Ao subila e ao baixala
a costiña do Farelo,
ao subila e ao baixala,
perdín a cinta do pelo.
Perdín a cinta do pelo,
ai la la lo, ai la le lo.

3 comentarios:

  1. Na Mariña hai algo moi similar, relacionado co Mondigo:

    "Cando o Mondigo pon o capelo
    a vella colle o mantelo".

    ResponderEliminar
  2. Tamén no Faro (Rodeiro):
    "cando neva na lúa de octubre, sete veces o cubre"·.
    É o caso deste ano.

    ResponderEliminar
  3. Dicía Macías o Namorado que o Pico Sacro estaba namorado de Aquam latam, pero era un amor imposible, as bagoas de prata viñan polo Ulla ata os pes do Pico, máis El díxolle: se eu me vou contigo deixarei de ser sacro e ti de ser latam, e convirtiriamonos en Pico Acuam, esmoreceriamonos e rematariamos afogados no mar.
    O día que contigo me xunte, fundirémonos nuha aperta eterna e iremos no encontro de todos os que nos viron e con agarimo nos miraron.

    ResponderEliminar