4 de febreiro de 2009

860. O RENACEMENTO DE LUSÍO

O sábado pasado en terras de Samos tamén deu para visitar no mediodía as ansiadas obras de restauración da Casa Forte de Lusío, á que xa lle dediquei unha entrada anterior.

Os traballos van bastante avanzados, pero aínda é bastante o que queda. A estrutura orixinal do pazo respéctase e introdúcense elementos novos propios da arquitectura actual (pladur, illamentos, escaleiras metálicas, ascensor, etc).
Aquí terán Samos e O Camiño de Santiago un punto de sumo interese: albergue de peregrinos, museo de Vázquez Queipo, museo da Agricultura de Galicia e Reserva Biolóxica de Galicia.
As obras pretenden unha restauración integral dos edificios do pazo: o muíño, a antiga ferrería, e a casa dos caseiros, no que se proxecta un auditorio. A extensa finca será plantada co fin de ter un catálogo completo das especies arbóreas de Galicia.
Cada vez que un edificio emblemático rexurde da ruína e loce espléndido de arquitectura e de futuro gañamos en optimismo, en cultura e en prosperidade. Pazos, igrexas, castelos, mosteiros, muíños, cascos históricos... Lévase feito moito e outro tanto queda por facer.
Un último apunte para min curioso: a empresa que restaura Lusío (DICSA) tamén executa as obras da Deputación nos Pendellos de Agolada.

2 comentarios:

  1. Pois parece que DICSA ten bos contactos, ou simplemente fai ben as cousas; que iso tamén ten que ser valorado.

    (Pregúntome se o que anda inspeccionando na galería -ou solaina- da obra será un inspector da empresa ou un expontáneo que pasaba por alí...)

    ResponderEliminar
  2. ¡¡¡que maravilla ver que se fai algo!!!
    Fidel

    ResponderEliminar