16 de marzo de 2009

873. FOXO DO LOBO

O pasado sábado amenceu con cantos de primavera e a chamada da montaña era un eco irresistible. Cabalgando lombas de soedade e silencio ascendín ao cumio do Farelo amigo. "...cada vez que a andes, atoparás cousas novas" (Vicente Risco). O lugar éme de sobra coñecido pero encontrei "cousas novas". Na vagoada que forman o Monte do Pico e o Coto Caldeiro sabía da existencia dun foxo do lobo, pero a vexetación de matogueiras e piñeiros impedía ver calquera atisbo de resto do antigo foxo. O sábado, o anaco de monte aparecía rozado e repoboado de piñeiros incipientes. A vagoada presentábaseme espida e sincera. Non foi difícil ver dous enormes valados en V arrombados no chan. "Eis o Foxo do Lobo", ese foi o meu pensamento. Busquei o vértice dos valados na valgada e o pozo. Varios poderían ser os pozos que os anos cegaron. Na foto superior punteei de verde as liñas dos valados sepultados.
Cómpre non perder o coñecemento destes lugares con alto interese etnográfico. Non queda o foxo, pero queda a memoria, que é outra maneira de darlle sentido ao entorno que habitamos.

Os foxos do lobo son construcións antigas de dous valados en V, xeralmente situados nunha valgada. Converxen, a medida que descenden, nun pozo ou foxo rodeado con altos muros de pedra. Usábanos os campesiños como trampas para darlles batidas aos lobos. Xuntábanse varios veciños, acudían ao monte provistos de potas vellas, latas e paus e con ruído conducían aos lobos á trampa. Cando caían no pozo, matábanos a cantazos.
Na imaxe da esquerda vemos un foxo que aínda se conserva na Serra do Xurés (Ourense).

3 comentarios:

  1. Fai pouco estiven vendo unha desas construccións na Serra da Peneda, en Portugal.A súa imaxen lévanos a pasado, case parece que podes sentir a excitación dos homes, e a fuxida monte abaixo dos lobos.

    ResponderEliminar
  2. Non coñecía a esxistencia dese foxo no Farelo.

    O lobo sempre tivo moi mala "prensa" por estes lares. Cando eu era neno, xunto co "home do saco", coido que eran os dous medos máis grandes que eu tiña. Hoxe, con poucos "canis lupus" polos nosos montes e sabedor da inexistencia do home do saco; teño outros medos...

    Unha aperta

    ResponderEliminar