26 de maio de 2009

AUTOVÍA LUGO-SANTIAGO POR MELIDE

Onte entérabame pola prensa da decisión última do Ministerio de Fomento sobre o trazado da autovía Lugo-Santiago no tramo de Arzúa a Palas de Rei. É o que aparece na imaxe. Paréceme unha decisión xusta con Melide e acertada na elección das opcións que se barallaban como alternativas ao primeiro proxecto, que pasaba por unha esquina do concello de Agolada.
O localismo imperante nesta nosa Galicia do minifundio fai que cada poboación trate de arrimarlle a brasa á súa sardiña. Lalín, Agolada, Vila de Cruces e Santiso (quizais tamén Antas de Ulla) apuntábanse á primeira decisión de Fomento. Melide loitou razoablemente por que pasase máis preto desta vila puxante e emprendedora. O espazo natural da Serra do Careón e o Camiño de Santiago eran "obstáculos" que había que salvar. Se este novo trazado satisfai todos os condicionantes anteriores, benvido sexa. Desde a miña óptica aqualatense véxoo impecable por máis que se alonxe case oito quilómetros a maiores dos oito anteriores. Podemos dicir que algún día teremos unha autovía que nos sitúe na xeografía a só dezaseis quilómetros, comunicada por unha estrada tipo Redia con tráfico fluído e un trazado que evita as poboacións. Máis que asumible. Quizais o erro estivo en darnos un caramelo primeiramente e agora a alguén lle amargue compartilo. Se ao principio nos presentasen este trazado ninguén se sentiría incomodado polas decisión primeiras, nin polas posteriores. Mesmo o xulgaríamos altamente positivo.
Conclusión: Quen toma decisións deste calibre debe sopesar moi ben os pros e os contras e as reaccións sociais. Isto supuxo perda de tempo, esforzos inútiles e desgustos varios. Por favor, máis sentidiño.

3 comentarios:

  1. Paréceme acertado, estou seguro que Lalín-Agolada-Melide estarán unidas no futuro por unha autovía, con boas incorporacións de Vila de Cruces e de Santiso. Espero que sexa antes de que estes concellos queden baleiros de xente. Desde o Pico Sacro.

    ResponderEliminar
  2. É importante artellar unha boas vías de comunicación para as terras da sempre esquencida Galiza do interior. Hai que aproveitar o tirón de Pepiño e esperar que os outros ministros galegos e non galegos, restauren esa grande débeda pouco menos que histórica con Galiza.
    Tamén, postos a pedir, non sobraría unha boa conexión a internet para os povos do interior, digoo para que A CHOUSA DA ALCANDRA poida ver os videos que lle envío, jaja
    E Manoliño, esperando verte pronto, unha aperta desas de sobreira.

    ResponderEliminar
  3. Paco Penas for President!!

    (Aquí o que non arrima a sardiña ó lume...ten que arrimar o lume á sardiña. Non facer nada supón comela crúa, e a min pouco me chista nese estado.
    Seguro que o trazado da autovía ha ser caralludo cando a teñamos)

    ResponderEliminar