8 de maio de 2009

A GALICIA LABREGA DESDE RODEIRO

Con relativa frecuencia visito as terras de Camba, por veciñanza, polas paisaxes agrestes, polo patrimonio artístico e porque ofrece unhas excelentes condicións para a práctica do ciclismo.
Hai case dous meses volvín á súa capital, Rodeiro, e parei a fotografar as estatuas da parella de labregos e a enorme roda pétrea (símbolo heráldico desta terra cargada de historia) que preside o centro da rotonda.
Ambas esculturas, situadas moi próximas, ocupan un espazo céntrico e principal da pequena vila gorecida pola serra do Faro. Crin ver nelas unha xusta homenaxe á xente que durante séculos foi o sostén das tullas e dos celeiros, os que humanizaron as fragas e as devesas inmensas e anchurosas desde as aldeas das alegrías e as suores.
Corren tempos difíciles para sobrevivir no agro, os labregos foron de sempre os eternos esquecidos, o elo máis fráxil da cadea das avaricias, a diana receptora dos dardos evelenados dun mercado gobernado desde a distancia ou a malicia dalgúns "urbanitas".
Ambas as dúas esculturas en Rodeiro son unha homenaxe e unha reparación. E fermosa, a lenda gravada na pedra: TRABALLO, ABNEGACIÓN, EXPERIENCIA.
Agora, diante do ordenador, reflexiono e decátome de que no meu concello non temos estatuas. Si algúns monolitos conmemorativos, pero non estatuas públicas. Quede aí a reflexión por se descubrimos a conveniencia de erixir algunha por unha causa xustificada.
De regreso cara Agolada volvín a visitar as cegoñas de Achacán, sobre a cheminea da Casa Grande. Por máis que saiba da súa presenza, non deixan de sorprenderme e aledarme.

6 comentarios:

  1. Non por duras son menos certas e atinadas as tuas verbas cara as dificultades da vida labrega e gandeira neste país noso do que tantos maman.
    Medrei escoitando queixas do duro que resultaba ser labrego, non so pola condición física necesaria, senón tamén polo escaso rendemento que finalmente se obtiña de tanto esforzo.
    Chegou o tempo no que se dixo que chegara a hora de mudar os hábitos para pendurar o arado romano e modernizar o noso agro. E fíxose. Unha durísima reconversión do sector leiteiro rabuñou os montes e as fragas. Moitas ilusións acompañadas de investimentos impensables transformaron en poucos anos a realidade. Amoldándose aos tempos.
    Con moita abnegación e traballo, sin deixar de escoitar a voz da experiencia pasada.
    E hoxe semella que as nosas Administracións non teñen os arrestos de plantarse a carón de quen tanto fixo polo país.
    En qué estarán pensando?

    (Alongueime. Pero sinto unha punzada espetada nos miolos, que non me permite entender como os nosos políticos non ven tan claro que...o leite é branco, carallo!!!)

    ResponderEliminar
  2. A mellor homenaxe que se lles podería facer aos labregos é que desapareceran moitos "politiqueiros", e moitos deles non son precisamente "urbanitas". Que os leve o demo!!!!.

    ResponderEliminar
  3. Moita razón, sempre son os máis esquecidos. Na miña zona, Ponteareas, o agro limítase a minifundios, pequena leiras que a maioría as traballa como axuda para ter productos caseiros. Hai algúns que lle sacan uns euriños indo a vender ó mercado, unha minoría.
    Supoño que nada comparado coa vosa zona. De pequeno pasaba 15 días no verán en Silleda. Daquela aínda sacaban algo co leite, agora xa nin teñen vacas. Ó emigrar os fillos e coas trabas que lle poñían tiveron que deixar todo. Supoño que coñecerás máis casos.

    Nun tema aparte, onte falando cun veciño, sobre dar uns paseos e ir a comer os domingos, comentoume que estivera en Agolada e alucinara cos pendellos, chamoulle unha "especie de lavaderos antigos que estan a reformar". Dixo que eran preciosos. Cóntocho, porque supoño que che fará ilusión que se vaian coñecendo. Algún día irei eu a comprobalo.

    Non me enrollo máis, unha aperta.

    ResponderEliminar
  4. Ola de novo Manolo. Hoxe veño a convidarte a que participes na iniciativa posta en marcha por Julio Cougil, na que se sortean 6 estadías de fin de semana noutras tantas casas rurais de Galiza. Pásate polo meu blog para ver o sinxelo que é participar.Vaia tormentaza que nos pillou hoxe pasando pola Golada...

    Apertas

    ResponderEliminar
  5. Vaites! nunca me fixara na parella de labregos... Será porque cada vez que paso por Rodeiro a gran roda de carro lle fai sombra.
    Penso que calquera das duas estatuas son moi acertadas para a vila e quizais tamén para a comarca.

    ResponderEliminar
  6. Posiblemente Os Pendellos de Agolada sexa a catedral das feiras de Galicia, e de poñerlle santos, hai unha imaxe que vin por aí, que tiña gravada na retina desde o ano 1969, e é un carro e un labrego sacando o rancho por encima dos ladrais, e tamén unha vendedora de queixos podían ser a personificación e representación pétrea desa feira converténdoa na homenaxe de Agolada aos seus labregos. Moi boa reflexión, cando rematedes os pendellos, a ver se conseguides algunha estatua os presentes e os futuros volo agradecerán. Desde o Pico Sacro.

    ResponderEliminar