23 de maio de 2009

LABREGOS: HEROES

Cando alguén se digne escribir sobre as xestas do campesiñado galego, que conseguiu sobrevivir e criar familias numerosas nunha loita permanente coa terra e as adversidades, esa historia terá todas as características da literatura epopeica. Así eran os labregos, así era meu pai e os pais dos meus amigos, os meus veciños. Homes de face curtida, acartonada pola intemperie e as suores, mans enormes e callosas, corpo lanzal sen concesións para adiposidades, cabeza toucada por boina ou chapeu, sempre ao enxoito de chuvias e radiacións solares. Titáns no agro empuñando a rabela do arado, nas encostas dos montes amparando da carga do carro, nas estivadas cavadas a legón, empuñando a fouce para barbear o monte, engavelando herba ou molime en galletadas descomunais, carrexando cestas de herba verde desde o prado da sega, agatuñando aos carballos para podalos, pelando a cortiza das sobreiras...As mulleres labregas teñen protagonizado outra historia de traballos e sacrificios semellantes ou superiores. A Ilíada e a Odisea xuntas. A muller gobernaba a casa, traballaba no campo en tarefas de menos forza pero non de inferior esforzo, ocupacións que soía acompañar con embarazos, partos e crianza dos fillos. Non sei se coñecían a expresión "sentirse realizadas". Quizais non lles quedaba tempo para pensar niso.Para simbolizar tanta heroicidade escollín tres imaxes tomadas por Ton van Vliet en Esperante (Agolada), Santa Mariña (Antas de Ulla) e Muimenta (Lalín) a finais dos anos 70. A elocuencia das imaxes fai superfluas as palabras.
Deixo aquí expresados o meu recoñecemento e homenaxe aos labregos de Galicia e moi especialmente aos meus pais, que nunca tiveron vacacións nin souberon de luxos, pero criaron seis fillos e a todos lles procuraron estudos, a catro deles universitarios.

5 comentarios:

  1. Suscribir estas tuas palabras fáiseme doado, e recoñecer as imaxes tamén.
    Por máis lonxanas que semellen no tempo, so temos que voltar un chisquiño a vista para lembralas. Por iso convén non esquecer nunca de onde vimos e quen somos.
    Doadamente podo verme eu mesmo sobando un carro de toxos, estendendo na herba ou cargando un feixe dela no lombo. E se non era eu, seguramente era meu pai ou miña nai. Heroes.

    ResponderEliminar
  2. Que ben recolleu Ton von Vliet, dende a súa base na Ponte Vilariño, a vida labrega galega! Reflectiu o que era e logrouno artisticamente. Os meus parabéns!
    No tocante a heroes, houbo; sempre hai quen fai moito máis e mellor cós demais. Con todo, eu penso que o que había era moita necesidade e que cadaquén foina levando como puido.

    ResponderEliminar
  3. Bonita homenaxe aos labregos galegos a miña admiracións xa tiñan, porque as poucas veces que probei a rabela do arado, o gabilo, a forcada a ligoña etc., deixaban as miñas mans ensanguentadas e o meu lombo desfeito; que duro era traballar desde a saída do sol ata a postura, viña sendo das 6 da mañá ata as 10 da noite. Ó único bo era non ter stres, menos cando as tres da mañá viña o trono e tiñas o trigo arraiado. Desde o Pico Sacro.

    ResponderEliminar
  4. Deixoche un saúdo despois de pasar un rato ben agradabel por esta casiña túa de letras e imaxes.

    As fotos, impresionantes.

    Hei volver, co teu permiso.

    ResponderEliminar
  5. Fermosa as fotos de Ton van Vliet.
    Tamén é fermosa a túa homenaxe aos labregos.
    Pola miña banda os meus pais non tocaron o campo e só os meus avós maternos andaron nel os anos que non estiveron emigrados.

    ResponderEliminar