alamBIKE NO CABO DO MUNDO
“Sempre andas co raio do macuto ás costas, non descansas, bo castigo tés, se algún traballo hai no mundo, o de viaxar é un, está escrito, por iso te trae o mundo así, de dornas para piornas, escarallado, andando dun sitio para outro, andando por aí adiante, vas para os infernos, o mellor é estar calado que despois veñen as guerras civís e matan ós que andan investigando.
O que vale é ter o pico calado. Sempre humildes, deica a fin da vida. Deica a morte non protestar. Ó boi escornón nunca lle faltou cornada. Por moito que bailen, os mandos mandan e mandarán. Se o río corre
para baixo, déixao correr.” EMILIO ARAÚXO
(recollido por Xabier Quiroga en Cinsa do vento. Libro da Ribeira Sacra). O pasado domingo, varios cicloturistas do alamBIKE percorremos as terras de Chantada e O Saviñao deica o Cabo do Mundo, esa terra que o Miño cingue cunha rexa aperta de auga vagarosa.
Levounos alí a ilusión e coñecemento do amigo e compañeiro Xabier Quiroga.
Partimos de San Fiz (Chantada). Os últimos heroes do maquis protagonizaron o miolo da ruta.
Velaquí na foto pequena o nicho onde repousan á par un obreiro do encoro de Belesar e o guerrilleiro Xosé Castro Veiga, O Piloto, no cemiterio de San Fiz. Nas abas do castro de San Fiz, os nosos vehículos compoñían unha estampa harmoniosa baixo a sombra dos castiñeiros.
Chegar á igrexa románica de Pesqueiras por camiños empinados era un obxectivo que implicaba empaparse da vizosidade da paisaxe e bicar o chan nun compromiso telúrico coa terra. Aquí lembreime necesariamente do amigo Manolo Regal, natural desta parroquia chantadina.
0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada