6 de xullo de 2009

O alamBIKE DESANDA A VÍA DA PRATA

O sábado 4, sete alamBIKEIROS, invitados e conducidos por Toño Rodríguez, iniciamos desde Lalín o Camiño da Prata en dirección Ourense deica o río Barbantiño. Dozón, A Gouxa, Coiras, Oseira, Cea e A Ermida foron puntos de referencia.
Na primeira imaxe ascendemos desde Pontenoufe, baixo a bóveda dos carballos, cara a Puxallos.
N'A Gouxa celebraban a festa de Santa Isabel. Nós sumámonos aos actos coa foto e unha silenciosa bomba de palenque. Era cedo para espertar á xente.
Un descansiño en Outeiro de Coiras, despois de gozar das fermosas paisaxes desta zona de media montaña e dun descenso que require moita habilidade técnica.
O Camiño sempre ten os seus detalles curiosos. Neste lavadoiro de Outeiro colgaban tres cazos (de porcelana , de aluminio e de aceiro inoxidable) para que os peregrinos e camiñantes poidan beber). O detalle repetiríase en Carballediña.

Neste alto, despois de pasar a aldea de Vilarello, iníciase a baixada cara a Oseira. Nada fácil, é unha escaleira de pedras.

Unha ollada do mosteiro desde o ángulo oeste, vista pouco habitual. Sempre maxestoso e sempre en obras. Agora andan reparando o tellado do Claustro dos Cabaleiros.
Velaquí as caras de felicidade. Algunhas disimulaban moi ben o cansancio. A fachada do mosteiro sempre invita a inmortalizar o momento.
Cruceiro na área recreativa de Oseira.
Outra imaxe da mesma área recreativa, cos ciclistas xa en marcha. Desde aquí, ao longo duns tres quilómetros fomos a carón da antiga muralla de clausura do mosteiro. Impresiona polas dimensións e o seu estado de conservación é aceptable. Con poucos cartos poderíase recuperar para que quede memoria do poderío medieval dos mosteiros e polo sacrificio de quen a construíron co único salario da manutención.
En Cea andaban cos preparativos da Festa do Pan. Alí enredamos na Saleta, por ver madre, por ver. E na vila, foto na Praza Maior, diante do Concello e baixo a torre do reloxo. As rúas, magníficamente pavimentadas, espallaban arrrecendo a pan quente e a tradición forneira.
En chegando á Ermida o Pazo co seu escudo descomunal suscitou a nosa admiración. Aquí a pedra posúe título nobiliario aínda nas máis pequenas construcións.
Aprendín desta lareira, da pedra en forma de U, que non hai nas zonas onde eu vivín. Arrimábasellle leña ardendo e nos extremos do U poñíanse as cuncas ou pratos para manter a comida quente.
A palleira con etnografía labrega e arrieira.
As ruelas d'A Ermida, solitarias e caladas. Orfas de nenos e vacas. Ve pasar o tempo con resignación mentres a arquitectura suprema das casas agarda por esa man que a rescate da ameaza da ruína.
No fondo da aldea, onda o regueiro, o concello iniciou unha praciña. Cun pouquiño máis, verán lucir o forno comunal e haberá un estímulo máis para inivitar ao retorno aos vilegos de Ourense, Cea ou Carballiño para ocupar as aldeas que nunca se deberían ter abandonado.
Grazas a Toño, a Sabela, a Ester e a Eleuterio pola magnífica acollida e polos bos momentos que vivimos.

3 comentarios:

  1. Sodes moi activos estes "alambikeños"!!

    Parabéns

    ResponderEliminar
  2. Noraboa ,esta ruta ten moi boa pinta, eu a fixen, pero a pè e no coche, teño que probar na bici, magoa que o outro dia estabamos ne Ferrol, xa que o Domingo marchaban os rapaces, se non tamen nos apuntabamos. DAvid, xa foi o Xove, èl so, ata Dozon, por PEdroso-Maceiras....etc.

    ResponderEliminar
  3. Pois esta moi ben que se organicen estas rutas, porque asi tamen vos divertides. Saúdos.

    ResponderEliminar