25 de agosto de 2009

REBOREDO

Desde o primeiro día concendinlle neste blog máis importancia ás imaxes que ao texto. E non precisamente pola calidade, senón porque dan fe dun momento concreto e que só necesitan anos para revestirse de toda a importancia que o tempo lles concede.
A imaxe desta entrada data de hai tres ou catro anos, feita no inverno, cos carballos espidos e coa silueta do Castro Marcelín no horizonte da aldea de Reboredo (Borraxeiros).
O nome de Reboredo procede do termo latino roburetum (robur-etum). Robur é a palabra latina que designa os carballos e o sufixo -etum é un abundancial. De aí que o significado sexa tan evidente: terra onde abundan os carballos. Trátase, por tanto, dun fitotopónimo.
No centro da imaxe aparecen as poucas casas da aldea de Reboredo, onde o número de moradores é inferior ao de construcións. A aldea encóntrase a escasos metros da estrada que une Agolada e Melide, unha vía importante que "pronto" conectará coa futura autovía Lugo-Santiago. A pesar diso é dificil adiviñarlle un futuro esperanzador.
O castro Marcelín está a pouca distancia e pertence á parroquia de Merlín.

2 comentarios:

  1. O Castro Macelin ou o castro martir de Agolada. Da gusto velo ali no alto da penechaira aqualatense, pero horroriza contempalo rodeado de canteiras e escombreiras descontroladas ou con pistas da parcelaria que chegan ata a sua croa.
    O ESPIRITU dos AMIGOS DOS PENDELLOS non se ve reflectado nese ben patrimonial, senon a desidia e ignorancia da historia dun pobo de gran riqueza cultural.

    ResponderEliminar
  2. En Antas temos tamén unha parroquia de nome Reboredo. Curiosamente non existe como núcleo de poboación, xa que a "capitalidade" é ostentada pola aldea de Gradoi.
    Hei preguntarlle a Farruco se antigamente había moitos carballos pola zona, xa que hoxe...ben lle compre!

    ResponderEliminar