24 de setembro de 2009

ALDEAS MANCADAS

Hai dúas semanas, nunha mañá de soleado domingo, as paisaxes que ollan ao Faro desde Agolada e Rodeiro prometían colmar todos os sentidos. As aldeas espreguizábanse ao compás das primeiras raiolas e os camiños leváronme a pedaladas, entre a ledicia dos carballos mollados de resío, ata o castro de Cantelle (Rodeiro). Só puiden ollar a croa desde a distancia, pois as toxeiras hostís e o orballo non me animaron a aquel sacrificio de pernas espidas.
Levo percorrido moitas aldeas nesta singradura ciclista. Sempre cos ollos atentos ás descubertas, ao goce da riqueza patrimonial e paisaxística e coa alma doída por tanto abandono e destrución. Fomos capaces de construír a marabilla dos casais e das vilas, respostando ás necesidades dunha cultura agraria autárquica e no transcurso dos últimos decenios estamos a arrasar unha boa parte daquela harmonía arquitectónica e paisaxística que fomos quen de crear.
En Agüela (Antas de Ulla) mirei abraiado á solaina da casa recuberta con chapa metálica galvanizada.
No mesmo lugar ollei a fachada sur da Casa do Fidalgo co tellado vencido polas intemperies. Na foto seguinte ollamos a fachada norte da mesma casa, que antano acubillara fachenda e fidalguía.
O cruceiro procesional, que xa lle vira ao amigo Chousa nunha entrada do seu blog, mira desde o alto dun inusitado pedestal a desidia de quen non se dignou a baixalo a carón da xente, cando decidiran aplanar o campo que o rodea.
E xa na despedida da mesma aldea ollei cara o monte dos Casares e o cúmulo de engadidos fería a mirada: aeroxeradores, postes, cables, sinais, marquesiñas... Todo necesario, pero tan mal integrado!

5 comentarios:

  1. A lectura deste artigo fíxome lembrar uns versos que escribín hai uns anos ao contemplar unha paisaxe moi semellante da provincia de Ourense de onde son natural,que se mo permite o blogger abusando da oportunidade desta ventá, escrito deseguido:

    Estou nunha aldea abandonado
    que amasa recordos xa sen forno;
    entre silveiras anoado no pasado,
    sen fogar onde o lume prende e arde,
    sen pucheiros;
    sen rúas, sen tellados e sen fonte,
    sen encontros, sen queixumes, sen palabras,
    sen sorrisos , sen ausencias.
    Na nada.

    ResponderEliminar
  2. Moi acertado me parece o título deste post, cargado sentimento. As paisaxes das nosas aldeas están feridas, é certo. Pasamos, observamos, comentamos e ata nos queixamos, pero non actuamos.
    Fermoso versos anónimos.
    Saúdos.

    ResponderEliminar
  3. Busto non me digas que non queda ben o da chapa galvanizada?. Polo menos non se oxida!!!!. Unha aperta.

    ResponderEliminar
  4. En primeiro lugar, noraboa ao blogger polo seu traballo, moi ameno e entretido ( e a primeira vez que entro e levo unha hora vendo as antigas entradas. ). E lendo a última entrada venme a cabeza una reflexión, xa que ante a visión das fotos e o sentimento que producen, non deberíamos quedar na superficie, no mal chamado feísmo ( casas en ruinas, cables, sinais, … ) e reducir todo a unha cuestión estética,cando a causa de todo e o proceso agónico que sofre o rural galego, e sobre todo a falta de sentimento dos labregos e dos urbanitas acomodados que esqueceron pronto as súas orixes rurais, e miran este mundo como a hábitat dunha clase social baixa e denostada ( a que sen embargo acuden en canto poden, nas típicas viaxes de fin de semana “ a la aldea “),pero que nin lles preocupa a situación actual nin pensan facer nada por remediala. Das administración nin falamos ( no rural non hai moitos votos, e polo tanto non importa, chega con unas poucas subvencións de cando en vez para silenciar o problema). Eu vexo mais real e honesto un somier que se utiliza como cancela ca un hórreo no xardín dun chalé dos novos ricos, ou un xugo pendurado na parede dun salón ( a ridiculez da imaxe salta por sí sola, decontextualizada ). E tampouco sería solución a proliferación de “ museos “ que son auténticos almacéns de obxectos ruraís, e que non teñen unha función activa na mentalización da xenta e na conservación do verdadeiro espírito rural y os aspectos antropolóxicos que conleva.

    ResponderEliminar
  5. Unha verdadeira mágoa, pero que por desgraza pasa en tódolos lados. Nos damos aprendido, despoís puxarémonos dos pelos, cando xa non haxa solución.

    Canto se perdeu xa?

    Ata canto estamos dipostos a perder?

    Habería que pensalo ben e tomar medidas.

    Unha aperta

    ResponderEliminar