18 de setembro de 2009

A ROMARÍA DO FARO

Esta foto en color publicouna A Voz de Galicia hai uns días con motivo da festividade da Virxe do Faro o 8 e o 9 de setembro. A xente, malia a época de relativismo relixioso que vivimos, acudiu en multitude ao santuario situado na cima da Serra do Faro(1.181m.), entre Rodeiro e Chantada.
Hai trinta anos estivo alí Ton van Vliet, o fotógrafo e amigo holandés, para deixarnos unhas imaxes impagables da sonada romaria
. Os motivos que captaron a atención de Ton foron moi diversos: a etnografía, os traballos e as xentes do rural, os nenos, as festas, as romarías, os santuarios, as paisaxes, a arquitectura popular das casas, as tradicións...
A Serra do Faro, cuxo nome alude ao uso pretérito de sinais luminosos para alertar dos perigos, outea atentamente os vales e penichairas da Galicia Central. Viaxando de cumio en cumio vai a cantiga:
Vexo o Faro, vexo o Faro
e tamén vexo o Farelo,
tamén vexo o Pico Sacro
e ademais o Bocelo.A tradición romeira deste santuario data de antigo, anterior ao século XIII, cando o trobador Xohán de Requeixo compuxera cinco cantigas de amigo nas que se cita a romaría, das que salienta:
Fui eu madre, en romaría
a Faro, con meu amigo
e veño del namorada
por cuanto falou conmigo.
Ca mi xurou que morría
por mi, tal ben me quería
Leda veño da ermida
e desta vez leda serei
ca falei con meu amigo
o que sempre desexei.
Ca mi xurou que morría
por mi, tal ben me quería
De ú me eu vi con meu amigo
vin leda, si Deus me perdón
ca nunca lli cuido mentir
por cuanto me el dise entón.
Ca mi xurou que morría
por mi, tal ben me quería.


A musa popular deixou constancia da romaría en moitas cantigas :
Vindo do Faro vin unha moza,
viña do monte de calcetar,
como era nova pedinlle un bico,
pero ela non che mo quixo dar.

Cando a Virxe chega ao Faro
e entra leda na ermida
canta o merlo, canta o toxo
e canta o Rego da Ortiga.

Dende a ribeira á montaña,
dende a montaña á ribeira,
brilla unha estrela no Faro
e outra reloce en Pesqueiras.

Nosa Señora do Faro
está sentada na porta,
mirando para os de Requeixo
como lle ruben a costa.


Hei de ir á Virxe do Faro,
hei de levarlle unha vela,
hei de buscar unha moza
que teña boa merenda.

Nosa Señora do Faro
ía a Pena Maior,
mirou para os de Camba
e dixo: Gracias a Dios!

4 comentarios:

  1. Sempre me chamou moitísimo a atención a cercanía que os devotos facían dos sofrimentos físicos coa Fe firme. Por eso dende neno, que vin ir a unha muller camiñando cara un santuario de xeonllos e sangrando por eles(creo lembrar que era no Rendal), sempre medín moito as distancias entre unha relixión que -supostamente- lles pedía eses sacrificios fora de toda lóxica aos seus fieis.
    Despois, cousas da vida!, achegueime un chisco máis á teoloxía cristiá; pero iso xa é fariña doutra fanega!

    A romaría do Faro é un magnífico escaparate da comunión existente entre o lúdico e mailo relixioso. Ton van Vliet tivo que percibir o impacto deste noso xeito de vivir e de interpretar a vida. Non me cabe duda

    ResponderEliminar
  2. Sempre grandioso este Ton Van Vliet. As súas fotos son mil veces millores que as de La Voz.

    ResponderEliminar
  3. Fermosas fotos e interesante cantigueiro.
    Saúdos
    Suso

    ResponderEliminar
  4. Fermosas fotos, e grazas por traernos esa escolma de cantigas.
    Apertas.

    ResponderEliminar