7 de setembro de 2009

TOPÓNIMOS CORRIXIDOS

Levamos tantos anos revisando a toponimia que compriría un acordo dos axentes sociais, culturais e políticos despois dos sesudos ditames dos filólogos e Comisións varias de Toponimia e Onomástica.
Houbo deturpacións de todo tipo e sobre todas elas salientou a furibunda castelanización dos nomes que sempre lle deron sentido aos lugares. Houbo casos ridículos e contradicións que rompían coa lóxica. Houbo moita ignorancia e abundante rutina e maiormente pouco celo no coidado e pureza da lingua.
A min moléstanme os que andan a garabatear os letreiros e corrixen os topónimos ao seu antollo, sen outro amparo e criterio que a nocturnidade e o anonimato. Lusismos, ultracorreccións, recastelanizacións, barbaridades varias locen en moitos lugares desta nosa terra.
Eu permítome garabatear este letreiro sobre a foto, non para incitar ao garabateo senón co ánimo de facer unha reflexión sobre a autenticidade dos topónimos e precisar a forma que recolleu a Comisión de Toponimia. En primeiro lugar, debemos aceptar que os topónimos correctos son os que figuran no Nomenclátor galego da Xunta de Galicia. Se non estivésemos de acordo, entón deberiamos armarnos de argumentos e apelar á Comisión de Toponimia que existe para fixar e establecer o topónimo de cada lugar.
E ao confeccionar os letreiros non deberiamos esquecer que as grafías maiúsculas esixen a presenza do til sempre, para sabermos todos cal é a fonética de cada topónimo. Sen til, unha persoa que non oíra nunca falar de Brántega, podería dicir con toda razón Brantega. O til non só é preceptivo no caso de SARRIA (Lugo)/SARRIÁ(Barcelona).
Velaí o letreiro da imaxe, na saída de Agolada cara a Melide, contén tres erros de letras e omite seis tiles fundamentais. Tamén deberían aplicarse os responsables da instalación destes sinais e respectar integramente os topónimos do Nomenclátor e os tiles.
Para máis inri, veñen os ultrarreformadores a resucitar a sempiterna dicotomía A Coruña /La Coruña.
Moito sentidiño e consenso é o que nos cómpre. E a voz e o voto para os que entenden da materia.

3 comentarios:

  1. Levas ben razón no que matizas hoxe. Non ten moito sentido esixir coñecementos (toponímicos neste caso) que despois tiran por terra cun cartaz que había costar o mesmo facéndoo ben.
    E cámbiache o conto de ir a Sarria ou a Sarriá.

    Apertas de setembro en festas (en Antas)

    ResponderEliminar
  2. Pois aínda hai moito que corrixir e non só en cuestión de tiles. Por exemplo, na A-52 manteñen un cartel no que aparece a forma QUINES no canto de QUINS. Este non está garabateado porque como queda alto, e en plena autovía, a ver quen se atreve.

    ResponderEliminar
  3. Outro que hai que mudar é o de Velpellós, con v e non con b.

    O dos tiles en maiúsculas custa traballo metelos...e, como dis, teñen utilidade.

    Saúdos

    ResponderEliminar