9 de outubro de 2009

AS BOUZAS - SANGUIÑEDO (DOZÓN)

O pasado domingo durante a VI Ruta BTT a Lalín, volvín pasar por Sanguiñedo e aproveitei para achegarme de novo á aldea de As Bouzas. Estivera alí no ano 1992 nun percorrido pola parroquia. Xa daquelas estaba abandonada. Hoxe a vexetación sobe por valados e paredes e paulatinamente vai engulindo as construcións . A autovía de Lalín a Ourense tallou a montaña por riba do lugar e rouboulle unha miga daquela paz bucólica que alí se respiraba. Na actualidade xa case non quedan signos visibles desde a estrada próxima de que alí houbo un lugar habitado. Como se alguén tivese ditado a sentenza capital e nada quedase por facer ante tal designio.
Naquela data, motivado pola beleza do lugar e conmovido polo abandono no que estaba, compuxen os versos que vos ofrezo.
Que ocultos segredos gardaba o monte
na frouma, nas xestas, no río, na ponte!

As Bouzas son
berce do reiseñor!

Rularon as rulas no aire calado
e as augas baixaban lavando o prado.

As Bouzas son
berce do reiseñor!

Rubía o ciprés abrazando o vento
por entre as casiñas de pedra e cemento.

As Bouzas son
berce do reiseñor!

Palpei o misterio da aldea senlleira
nas fiestras pechadas, nas silvas da eira.
As Bouzas son
berce do reiseñor!

4 comentarios:

  1. Por máis abandono que se lles prodigue, non hai maneira de que perdan esa forza e beleza que teñen. Que magnífico deseño lograron os nosos antergos, sen ferir o medio!!!.
    Canto nos queda por aprender, simplemente, tendo o ollo atento cara o adiante; pero sen esquecer o que fixeron antes.

    Unha aperta

    ResponderEliminar
  2. Que poder de atracción teñen os lugares abandonados !.

    ResponderEliminar
  3. Non se che dá mal o verso. Certo é que as imaxes inspiran bastante.

    ResponderEliminar
  4. Unha mágoa que moitas aldeas do interior vaian quedando no abandono e no olvido.
    Fermosos e sentidos versos.
    Apertas.

    ResponderEliminar